Oleiros denuncia novas irregularidades no servizo de recollida de lixo e a “pasividade” do Consorcio das Mariñas

O Concello de Oleiros volveu denunciar hoxe graves irregularidades no servizo de recollida de lixo e a «vulneración sistemática» do contrato por parte da empresa concesionaria. Segundo o goberno local, a situación é tolerada polo presidente do Consorcio das Mariñas.

O Concello sinala que ás deficiencias habituais —como o incumprimento das frecuencias de recollida, a falta de limpeza nas zonas de contedores e o uso de camións en mal estado— súmanse agora «graves deficiencias» no punto limpo de Iñás. Numerosos veciños están a informar de que non poden depositar os seus residuos porque o punto limpo leva días colapsado, con todos os contedores a rebosar e electrodomésticos amoreados.

Ante esta situación, o Concello pregúntase por que o presidente do Consorcio «consinte» estes incumprimentos, que, segundo o goberno local, supoñen «importantes beneficios económicos» para a empresa.

O Concello de Oleiros advirte de que, se a situación non se soluciona de inmediato, estudará «todas cantas medidas sexan necesarias» para deter o «dano medioambiental e hixiénico» que se está a causar no municipio, e lembra que os feitos constatados poderían ser constitutivos de varios presuntos delitos.

Comparte éste artículo
No hay comentarios