O PSdeG de Ourense esixe a declaración de zona catastrófica e a intervención de Europa polos lumes

A executiva municipal do PSdeG-PSOE de Ourense emitiu hoxe un comunicado no que expresa a súa «profunda preocupación e solidariedade» ante a vaga de lumes que está a arrasar Galicia. Con máis de 40.000 hectáreas queimadas, vivendas destruídas e cortes de servizos básicos, o partido cualifica a situación de «catástrofe sen precedentes».

«Nestes días é difícil pensar e sentir outra cousa que non sexa preocupación, pena e rabia», sinala o comunicado, que traslada o seu apoio aos veciños, aos equipos de extinción e aos brigadistas feridos.

O PSdeG considera que a traxedia «pon de manifesto a insuficiencia de políticas de prevención e xestión forestal», sinalando o abandono do rural e a falta de recursos axeitados como factores clave que contribuíron a que o lume avance sen control.

Cinco esixencias para facer fronte á catástrofe

Dende o PSOE de Ourense, esixen unha serie de medidas urxentes para paliar os efectos dos incendios e evitar que se repitan:

  1. Declaración de zona catastrófica, para garantir axudas inmediatas a familias e negocios.
  2. Reforzo urxente dos medios de extinción, solicitando recursos adicionais ao Goberno central e á Unión Europea.
  3. Un plan integral de prevención e xestión forestal que fomente a biodiversidade e a ordenación do monte.
  4. Maior coordinación entre as administracións, para unha resposta máis efectiva.
  5. Investigación rigorosa das causas, para que os responsables de lumes intencionados respondan ante a xustiza.

O partido fai un chamamento á unidade e á colaboración de todas as forzas políticas para protexer o patrimonio natural e o futuro da provincia, concluíndo cunha mensaxe de esperanza: «Non queremos máis lumes, queremos un Ourense verde, vivo e resiliente».

Comparte éste artículo
No hay comentarios