A Unión de Cidadáns Independentes de Galicia (UCIN Galicia) lanza unha grave alerta sobre a falta de efectivos policiais na comunidade, unha situación que, segundo o seu coordinador autonómico, José Luis Calo, está a poñer en risco a seguridade da cidadanía e a sobrecargar aos profesionais do corpo.
Calo destaca a existencia dun déficit de efectivos policiais, o que se reflicte en datos alarmantes:
- As salas do CIMACC do 091 en Galicia xestionaron máis de 308.000 chamadas en 2024, das cales 142.440 requiriron unha intervención policial.
- No primeiro trimestre de 2025, rexistráronse 23.308 infraccións penais.
- Os xulgados de violencia de xénero recibiron 2.043 denuncias nos primeiros tres meses de 2025, e tramitáronse 498 ordes de protección.
- A Policía Local en Galicia só conta con 2.207 efectivos, mentres que os estándares europeos aconsellan máis de 4.800.
«Estamos a vivir unha situación límite. Non se pode seguir mantendo a ficción de que todo funciona con normalidade. Os cidadáns están desprotexidos e os policías traballan baixo unha presión insoportable», afirma José Luis Calo.
Demandas de UCIN Galicia
Ante esta crise, UCIN Galicia fai un chamamento urxente para que se actúe de inmediato, e reclama tres medidas principais:
- Un plan inmediato de reforzo de efectivos policiais.
- O cumprimento dos ratios establecidos pola Unión Europea.
- A creación dunha mesa de traballo para abordar a seguridade cidadá en Galicia.
«A seguridade non é un privilexio, é un dereito fundamental que o Estado está obrigado a garantir. Galicia non pode seguir sendo a gran esquecida en materia de protección cidadá», conclúe Calo.
UCIN Galicia pide feitos, non escusas, para asegurar que a cidadanía galega non se vexa resignada a un sistema policial ao bordo do colapso.