O BNG de Castroverde quere mostrar a súa satisfacción pola decisión do goberno local de aplicar a gratuidade ao programa de conciliación Tardes no Cole, unha medida que parte dunha proposta nacionalista defendida nos plenos municipais durante os últimos anos.
O programa Tardes no Cole é unha ferramenta fundamental para favorecer a conciliación das familias, especialmente no rural, onde os recursos públicos son máis limitados e as dificultades para compatibilizar vida laboral e familiar son maiores. Ata o de agora, mentres o servizo matutino era gratuíto, o programa de conciliación da tarde tiña un custe que recaía directamente sobre as familias usuarias, o que supuña unha clara discriminación.
O ano pasado por estas mesmas datas, o BNG xa presentara unha moción para solicitar a gratuidade do servizo, tendo en conta que o programa Corresponsables incrementara a súa achega económica e incluía tamén a cobertura de Tardes no Cole. Porén, o PSOE rexeitou a iniciativa con argumentos de carácter económico, a pesar de que a subvención era maior e perfectamente suficiente para garantir a gratuidade.
Posteriormente, os nacionalistas volveron levar o asunto a pleno, propoñendo que o custe do programa se incluíra no Plan Único da Deputación de Lugo, co obxectivo de liberar ás familias do pago e favorecer a igualdade de oportunidades. De novo, o PSOE votou en contra, argumentando que había outros investimentos prioritarios.
A voceira municipal do BNG, Iria Castro, sinala que “durante o curso 2024-2025 mantívose esta discriminación unicamente por puro partidismo, porque era unha proposta do BNG. Non era xusto que as familias tiveran que pagar por un servizo que debería estar garantido en igualdade de condicións”.
Finalmente, e tras meses de presión política e socialización desta demanda, o goberno local decidiu aplicar a gratuidade para o novo curso. Dende o BNG valoran positivamente que o PSOE “rectifique e deixe a un lado o partidismo, poñendo por diante os intereses das familias de Castroverde”.
Para Castro, a medida non só beneficia directamente ás familias usuarias, senón que é clave na estratexia de fixación de poboación:
“O problema máis grave que temos en Castroverde é a perda de poboación. Se queremos manter veciñanza e atraer novas familias, temos que ofertar servizos de calidade. Non podemos ter familias de primeira e familias de segunda, por iso estamos orgullosas de que finalmente se levara adiante unha proposta que partiu do BNG”.
Dende a formación nacionalista lembran que este é só un paso máis dentro dun traballo constante a prol da mellora dos servizos públicos e da conciliación no rural, e reiteran o seu compromiso para seguir defendendo medidas que fagan de Castroverde un concello con máis oportunidades para a veciñanza.
O BNG de Castroverde demostra que a presión da os seus froitos e o programa “Tardes no cole” será de balde para as familias
No hay comentarios
No hay comentarios