A Xunta está espida. Carta aberta de SGHN ao Presidente da Xunta de Galicia

Sr. Presidente, nestas datas terribles para Galicia fálase moito de que os enormes lumes convectivos que arrasan Ourense e o sur de Lugo crean a súa propia dinámica, que os retroalimenta converténdoos en monstros, humanamente imparables, que devoran todo ao seu paso.

Pola contra, pouco ou nada se fala dun monstro que xurdiu antes. A gran vaga de lumes de 1989, ademais de orixinar unha politización indecente do problema que aínda persiste, abriu unha enorme ‘caixa de Pandora’. A partires de 1990, a Consellería de Agricultura con Romay Beccaría ao fronte incrementou exponencialmente o investimento en extinción. O seu fracaso silenciouse cun férreo control da información sobre a superficie queimada -que infravaloraba claramente a realidade nas zonas montañosas e pouco poboadas- e coa teoría conspiranoica do terrorismo incendiario. Os argumentos de SGHN desmontando a inexistencia de dita trama caeron en saco roto, o mesmo que a súa demanda dunha avaliación independente da superficie queimada empregando imaxes de satélite (si, hai 35 anos xa as había). Larvado durante anos, a partir de entón o monstro da economía do lume comezou a medrar e a crear unha dinámica propia, secuestrando a estratexia contra os incendios no seu propio beneficio que é a extinción, sempre a costa da prevención pre-lume, a restauración post-lume, o patrimonio ambiental e económico, a saúde, a calidade de vida e a propia vida dos galegos/as.

Boa parte dos últimos 35 anos, sempre que a meteoroloxía foi favorable ou dentro da ‘antiga normalidade’, a Xunta foi quen de salvar a situación e conservar toda a roupa, gabándose aos catro ventos dunha magnífica xestión. “Está mal que yo lo diga, pero nuestro modelo es exportable a otros lugares» dixo un fachendoso Carlos del Álamo. Pero ciclicamente, cada vez que coincidían 15-20 días consecutivos sen chuvia, o lume queimaba toda a ‘roupa de vestir’ da Xunta que, xa en ‘panos menores’, botaba balóns fóra recorrendo ao argumento da conspiración dunha inexistente trama incendiaria e impoñía o seu relato controlando a información que se facilitaba sobre a superficie queimada (canto, cando e onde), que sempre infravaloraba a realidade e sempre se comparaba interesadamente co peor ano da serie histórica, é dicir, 1989.

Unha e outra vez, SGHN alertou de que a Xunta estaba espida, advertindo do grave erro que supoñía centrar a estratexia na extinción e en engordar a economía do lume ignorando as causas estruturais do problema. De nada serviu.

A transparencia informativa da Xunta do bipartito só aguantou a vaga de lumes de 2006, a estratexia anti-incendios apenas mudou e o monstro continuou a medrar. Malia a vaga de lumes de 2017, a Xunta continuou ignorando aos claros avisos de que a ‘normalidade’ estaba a mudar. Os mega-incendios de Valdeorras e O Courel en 2022 deixaron ben claro que a ‘nova normalidade’ climática petaba con forza na porta do PLADIGA e que ningunha estratexia de extinción, por moi obstinada que fose e por moitos medios e cartos que empregase, ía poder controlar as seguintes vagas de lume.

E chegou 2025. O cóctel era explosivo no interior de Galicia. Castigado con extrema dureza por medio século de lumes recorrentes que degradaron a vexetación e reduciron drasticamente a ‘capacidade esponxa’ do solo para almacenar auga, no verán os ecosistemas amosan extensivamente signos de colapso por estrés hídrico ante unha situación meteorolóxica moi adversa. A biomasa vexetal -que demasiados aínda chaman despectivamente maleza ou combustible ou falan de limpar o monte, non sendo a biomasa un lixo dos que algúns guindan- está probablemente máis seca que nunca nun pasado recente. Só falta a chispa que desencadee o inferno. Pero en Galicia a chispa humana sempre está aí, e en Ourense nunca falla, debido a unha realidade socio-demográfica complexa (emprego do lume como ferramenta agro-gandeira, despoboamento, avellentamento,…) que ata agora non se abordou nas perfectamente identificadas ‘parroquias de alta actividade incendiaria’.

Cun dispositivo humano decimado en efectivos e o que semellan fracasos estrepitosos nalgunhas decisións na estratexia de extinción, todo adxectivo se queda curto para describir a magnitude do desastre -ambiental, económico, e humano- destas semanas en Ourense e o sur de Lugo que, ademais, hipoteca a economía do rural e o futuro de moitas pequenas ou medianas iniciativas que están tratando de manter a vida no rural (ganderías ecolóxicas ou extensivo, apicultura, viñedos, casas rurais, empresas de guías de natureza,…).

2022, 2025, dúas veces xa en catro anos, a ‘nova normalidade’ meteorolóxica chegou para quedarse. O temor pola problemática dos lumes no futuro inmediato medra entre os que ollamos a realidade con atención.

Pero algo mudou nesta ocasión. Hai medios de comunicación que non agardan á información tardía e sesgada que facilita a Xunta e recorren á subministrada, con rigor e independencia, polas imaxes dos satélites da Unión Europea (Copernicus) ou da NASA. Os datos son demoledores e deixan en evidencia á Xunta: despois de 36 anos de economía do lume centrada na extinción, volvemos á casiña de saída de 1989.

Desta vez, Sr. Presidente, a Xunta está espida, completamente.
Aínda está por ver si esta situación servirá para cambiar o paradigma, abordar as causas estruturais e desenvolver estratexias conxuntas e consensuadas a longo prazo para promover paisaxes máis resilientes fronte ao lume.
O futuro de Galicia depende deses cambios.

Comparte éste artículo
No hay comentarios