O Grupo Socialista, a través da súa voceira de Medio Rural no Parlamento, Carmen Dacosta, denunciou hoxe que os brigadistas de terra da Xunta de Galicia carecen do soporte adecuado para transportar os seus equipos de osíxeno de emerxencia, coñecidos como «autorrescatadores». Esta situación pon en grave risco a seguridade dos traballadores en caso de atrapamento durante un incendio forestal.
Segundo explicou Dacosta, os brigadistas non poden levar este dispositivo vital, que lles fornecería aire limpo durante un tempo limitado para resistir ou escapar do lume. O motivo é que os cintos que usan, con deseño dos anos 90 e xa sobrecargados con outros útiles, non teñen nin espazo nin resistencia para o peso do equipo.
«Non é admisible que a Xunta obrigue aos brigadistas a elixir entre poñerse en risco físico ou deixar o osíxeno no coche, onde non serve de nada», advertiu a parlamentaria.
«Non pode haber brigadistas de primeira e de segunda»
A voceira socialista denunciou un «agravio inaceptable», xa que as brigadas helitransportadas da Xunta si dispoñen de mochilas adaptadas para levar estes equipos.
«Todos se xogan a vida cada vez que saen ao monte, e todos teñen dereito ás mesmas garantías de seguridade», afirmou Dacosta, que subliñou que os lumes de sexta xeración, máis virulentos e con cambios bruscos de comportamento, fan estes equipos aínda máis necesarios.
Pola súa banda, o PSdeG esixe á Xunta que dote de inmediato ás brigadas de terra con mochilas oficiais para o transporte do equipo de osíxeno de emerxencia, garantindo así unhas condicións mínimas de seguridade laboral.