O Tenente de Alcalde de Lugo, Rubén Arroxo, visitou o Camiño da Roca, nas Gándaras, para supervisar as obras de renovación das beirarrúas, que mellorarán a accesibilidade e a seguridade dos veciños.
Rubén Arroxo sinalou que «seguimos traballando na mellora dos espazos públicos das Gándaras, despois de mellorar a seguridade viaria e realizar diversas intervencións nos últimos anos». Explicou que esta actuación forma parte dun plan de melloras baseado nas peticións da veciñanza.
Os traballos consisten na renovación dun tramo de beirarrúa de 108 metros de lonxitude e 3 de ancho, ademais da construción dunha rampa de 4 metros para conectar as dúas beirarrúas paralelas. As antigas baldosas foron substituídas por unha capa de formigón impreso, reforzado con fibras estruturais, que garante unha maior durabilidade.
Estas intervencións están planificadas para o verán, aproveitando as condicións climáticas favorables que aseguran a calidade e a lonxevidade das obras.