Os deputados populares esixen unha data para a apertura da residencia de Becerreá e preguntan “que máis escusas vai poñer o goberno de PSOE e BNG na Deputación de Lugo para non abrir este centro de atención a maiores” que leva preto de catro anos rematado e sen prestar servizo a preto de 140 familias nin xerar postos de traballo na comarca da Montaña.
O portavoz, Antonio Ameijide, explica que “non teñen máis escusas para continuar dilatando no tempo a apertura da residencia de Becerreá” despois de que “detectamos a certificación da obra do Centro de transformación e centro de seccionamento” do centro de día e residencial comarcal de Becerreá, “unha das actuacións que o goberno de PSOE e BNG tiña pendentes nesta infraestrutura” despois de tanto tempo finalizada.
Nese sentido, os populares veñen de solicitar acceso ao expediente completo para saber se está debidamente rematado, se o centro xa dispón de electricidade tras tantos anos. Tamén se preguntan, se agora que xa teñen electricidade van a impulsar a súa apertura de forma inmediata “como vimos demandando, igual que os veciños de Becerreá, dende fai moito tempo”.
Ameijide lembra que foi aprobada a súa “privatización” na memoria sobre o seu modelo de xestión e funcionamento, a pesar das advertencias e o rexeitamento do Grupo Popular a “un incremento do 60% no prezo da praza neste centro con respecto a outros da rede provincial como poden ser os da propia comarca situados en Pedrafita ou Navia de Suarna. Un agravio comparativo que supón preto de 10.000€ -9.720€- máis ao ano para os usuarios da residencia de Becerreá que aos doutras residencias da Deputación na provincia”.
A memoria aprobada por PSOE e BNG “recolle non só a privatización do servizo, senón que supón que os futuros usuarios da residencia de Becerreá pagarán 810€ máis ao mes”. Un veciño dependente na rede de Centros de Atención a Maiores da Deputación actualmente paga 1.390€/mes, mentres que en Becerreá prevén que teñan que pagar 2.200€/mes polo mesmo servizo.
“Dende o Partido Popular defendemos a igualdade de trato, a igualdade de condicións de custe e trato aos usuarios que o resto dos centros da rede provincial e, polo tanto, rexeitamos que o goberno de Tomé diferencie entre veciños de primeira e veciños de segunda”, ademais de “amosar nula vontade de diálogo ao rexeitar as 480 alegacións presentadas á memoria precisamente por ese agravio no prezo das prazas dos usuarios”, explica o popular.
PRIVATIZADA E MÁIS CARA
O portavoz popular incide en que “sabemos que leva preto de 4 anos pechada e que tardaron tanto tempo en abrila que incluso a Deputación xa devolveu as garantías de obra. Tamén sabemos que o plan do goberno de PSOE e BNG é a privatización do servizo baixo un sistema de xestión privada con canon 0, outorgando enormes beneficios á empresa adxudicataria xa que a memoria prevé uns beneficios mensuais netos para a empresa concesionaria de entre 220.000 e 357.000€ e un volume total de negocio de máis de 77M€ ao remate dos 25 anos da concesión. E tamén que apostan pola desigualdade ao pretender cobrar un 60% máis por cada praza máis que noutras residencias da rede provincial -preto de 10.000€ máis ao ano- despois de ter rexeitado 480 alegacións ante este agravio”. “O que queremos saber é se o goberno de PSOE e BNG vai sacar a licitación o servizo de forma inmediata para poñer en marcha a residencia de Becerreá de canto antes ou vai seguir poñendo