O grupo municipal do Partido Popular de Lugo visitou o pasado venres, 22 de agosto, a parroquia de O Burgo no marco da súa ronda de encontros coa zona rural, onde recollen as demandas e preocupacións dos veciños. Entre as peticións históricas destaca a variante da da estrada LU-P 2901, que forma parte do Camiño Primitivo, e que segue sen atenderse.
Os populares amosan o seu apoio á principal reclamación veciñal, dado que a presenza constante de peregrinos e o tráfico de maquinaria agrícola fan desta actuación unha necesidade ineludible.
O grupo municipal lembra que, no seu momento, o goberno presidido polo popular Francisco Cacharro deixou planificado un proxecto de construción dunha variante de O Burgo que tería mellorado a seguridade vial e a calidade de vida dos veciños, pero que nunca chegou a executarse.
Os populares expresan a súa incredulidade ante a negativa de atender unha demanda histórica que resulta fundamental para a seguridade e o desenvolvemento da parroquia.