Preto de 62.000 euros de tódolos lucenses en sancións e recargo polos danos do goberno de PSOE e BNG na Casa da Botica de Guitiriz

Ameijide lembra que, ademais desta sanción por incumprir a lei de patrimonio de Galicia, as accións do goberno provincial supuxeron outras coma a de 6.000€ a un funcionario por vetar, por orde expresa do presidente, a entrada de axentes medioambientais ao Fogar de Santa María e outros 2.000€ máis pola tala das árbores neste espazo de titularidade provincial”.

O portavoz do Grupo Provincial Popular, Antonio Ameijide, advirte dos preto de 62.000€ (61.951,05€) que o goberno de PSOE e BNG paga co diñeiro de tódolos lucenses polos danos na Casa da Botica de Guitiriz.

Os populares xa teñen advertido que a decisión do goberno de PSOE e BNG na Deputación de Lugo de derrubar a Casa da Botica de Guitiriz no ano 2021 e a execución de obras incumprindo o deber de conservación do patrimonio tivo consecuencias negativas para tódolos lucenses. “Pero a eses preto de 60.000€ en sancións por infraccións graves polo incumprimento da lei do patrimonio cultural de Galicia; hai que sumar outros 2.950,05€ de recargo por ter abonado a sanción fóra do prazo voluntario”, engade.

Ameijide lamenta que “tanto o goberno provincial coma o seu presidente, José Tomé, crean que están por riba do ben e do mal” e que dende o primeiro momento “buscara escusas en lugar de asumir as consecuencias dos seus actos” á vista de que ”interpuxo un recurso ante a xustiza intentando demorar o pago dunha sanción aplicada correctamente e que agora supón outros 2.950€ en concepto de recargo”.

Atendendo a un auto do xulgado contencioso-administrativo nº1 de Lugo, “o presidente do ente provincial, José Tomé, tivo que ordenar o pago dunha sanción motivada no incumprimento dos artigos:

– 130.a “danos irreparables en bens de intereses cultural ou catalogado e incumprimento do deber de conservación previsto no artigo 32”

– 130.d “a realización de calquera intervención nun ben declarado de interese cultural ou catalogado ou no seu contorno de protección ou na súa zona de amortecemento sen autorización previa da consellería”

NON É A PRIMEIRA SANCIÓN AO GOBERNO DE PSOE E BNG

Ameijide lembra que “a sanción por incumprir a lei de patrimonio de Galicia non é a única”. As acción do goberno de PSOE e BNG e do seu presidente derivaron tamén noutros 6.000€ a un funcionario por vetar, por orde expresa do presidente, a entrada de axentes medioambientais ao Fogar de Santa María. E a estes hai que engadir outros 2.000€ pola tala das árbores neste espazo de titularidade provincial”.

ATRASO NAS OBRAS DA RESIDENCIA

O centro de atención a maiores de Guitiriz “leva moitos anos de atraso e os veciños e veciñas de Guitiriz levan moitos anos agardando por un servizo prometido en numerosas ocasións polos gobernos municipal e provincial de PSOE e BNG”. E, ante o lento avance das obras de construción da residencia no lugar que antes ocupaba a emblemática Casa da Botica no casco urbano de Guitiriz, “non sabemos cando se vai poñer en marcha o servizo”.

É máis, xa se produciron varias demoras na data de remate: a última estaba concretada para xullo deste 2025, “unha data incumprida”.

“Se o goberno de PSOE e BNG cumprise a tempo o seu compromiso de construír un centro de atención a maiores en Guitiriz e a lei en materia de conservación do patrimonio; poderiamos estar falando da apertura do centro e non do pago de sancións”, conclúe Ameijide.

Comparte éste artículo
No hay comentarios