A caótica xestión do Concello de Lugo ameaza con deixar sen auga aos veciños: O PP esixe un pleno extraordinario

O Partido Popular de Lugo vén de solicitar un pleno extraordinario de urxencia para que o goberno local aclare o caos xerado coa obrigatoriedade de cambiar os contadores de auga, cuxo prazo remata o 24 de outubro de 2025. Os populares critican a falta de planificación do Concello, que está a xerar unha «enorme confusión» entre a cidadanía e os profesionais do sector.

A voceira do PP, Elena Candia, e a concelleira Silvia Colmenero denuncian a «irresponsabilidade» do Goberno de PSOE e BNG que, primeiro, ameazou con sancións aos veciños e, despois, recomendoulles agardar por unhas axudas europeas que, en realidade, xa lle foran denegadas. «O Concello mentiu á cidadanía», afirman as populares.

Ademais, o PP tamén pon o foco nun recente informe interno do Servizo de Augas, que revela a situación de «colapso» do departamento, con máis de 600 solicitudes de altas e baixas pendentes de tramitación, un cadro de persoal deficitario e numerosos atrasos na xestión diaria. Esta desorganización fai que o Concello estea incumprindo a normativa estatal e non lle estea informando a Augas de Galicia das perdas na rede, o que podería derivar en sancións.

Ante este «abandono» do ciclo da auga, que leva 14 anos con contratos caducados e pagados de forma irregular, o PP esixe un Plan Integral de Mellora da Xestión, que inclúa:

  • Aclarar o tipo de contadores homologados que se deben instalar.
  • Licitación urxente dos contratos caducados.
  • Reforzar de inmediato o persoal.
  • Crear un servizo de reparación de avarías 24 horas.
  • Desenvolver un plan de control de fugas e renovación de tubaxes.
  • Garantir o abastecemento no rural.
  • Activar o sistema de reutilización de auga da EDAR, que leva sen funcionar desde a súa instalación en 2011.

«O alcalde Miguel Fernández ten a responsabilidade directa desta situación, coa complicidade do BNG», rematan os populares.

Comparte éste artículo
No hay comentarios