A Xunta de Galicia colabora co torneo de baloncesto 3×3 Noite Meiga organizado polo CB Sarria, que se desenvolverá mañá – venres 29 de agosto – e o sábado 30 na Praza da Vila da localidade.
O delegado territorial de Lugo, Javier Arias, participou hoxe na presentación da cita, xunto á directora territorial da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración, Carmen José López; membros da organización e representantes doutras entidades implicadas. O encontro está dividido en tres categorías, unha sénior, unha cadete e infantil mixta e outra de minibasket mixto.
Nas xornadas haberá dúas pistas 3×3 oficiais e contarase con árbitros colexiados, speaker e DJs. A programación inclúe concurso de triples e disputaranse tamén partidos nocturnos.
Arias enxalzou o labor do CB Sarria en favor da promoción do baloncesto e do deporte de base entre a poboación, en especial entre os máis pequenos. Lembrou ademais que a Xunta colabora con outras actividades que acollerá estes días a vila no marco da tradicional Noite Meiga, entre as que destacou o patrocinio do concerto que ofrecerán mañá Xabier Díaz e Adufeiras de Salitre.