Besteiro anuncia a declaración do Pazo de Meirás e a Illa de San Simón como Lugares de Memoria Histórica

O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, anunciou hoxe desde o antigo cárcere de Lugo que o Goberno de España iniciará a próxima semana os trámites para declarar o Pazo de Meirás e a Illa de San Simón como Lugares de Memoria Histórica. A decisión, enmarcada na Lei de Memoria Democrática, busca dignificar a memoria das vítimas do franquismo e combater o «esquecemento, o negacionismo e os discursos do odio».

Besteiro defendeu a necesidade de que estes espazos teñan un recoñecemento especial para cumprir unha función conmemorativa e reparadora. O líder socialista amosouse confiado en que o Vello Cárcere de Lugo, símbolo da represión, se sume tamén a esta rede de lugares de memoria. O alcalde de Lugo, Miguel Fernández, presentará formalmente a súa candidatura a próxima semana.

Pola súa banda, a concelleira de Cultura, Ana Abelleira, destacou o valor simbólico do Vello Cárcere, que se rehabilitou coa vocación de ser un «referente da memoria democrática en Lugo».

O líder socialista aproveitou para criticar a Xunta por, segundo el, «banalizar a memoria» en espazos como a Illa de San Simón, ao autorizar «festas piratas ou clases de bachata», o que considerou unha «falta de respecto» para as vítimas.

Finalmente, sobre a vaga de lumes, Besteiro referiuse á comparecencia do presidente da Xunta, Alfonso Rueda, e asegurou que o PSdeG lle pedirá responsabilidades pola «falta de coordinación e planificación». Acusou ao PP de «refuxiarse en escusas» como a trama incendiaria en lugar de asumir a súa «incompetencia».

Comparte éste artículo
No hay comentarios