Non esquecer. Por @DulceCorcu

Pese a que non tardaremos en facelo, sometidos por relatos «ad hoc» que desviarán a atención do verdadeiramente importante: a devastación forestal e persoal, e a perda das vidas que se foron loitando contra ese xigante que devoraba sen piedade canto atopaba ao seu paso.

Os incendios cobraron un protagonisto cruel este agosto, con días e noites asolando sobre todo a provincia de Ourense, onde as altas temperaturas e as lapas sen dúbida deberon ser algo parecido ao inferno se acaso existise. Despois, no medio do caos, as causas que propician un mal endémico que sufrimos cada verán porque pese a que os incendios son vellos coñecidos, acaban dicíndonos que son inevitables. Non o son, pero é máis doado buscar escusas ou culpabilizar a outros que poñerse á tarefa de prevenilos. Resulta obsceno escoitar á señoritada con bronceado mediterráneo, a pé  dunha praza de touros pontificando sobre algo que viron na distancia, nunha tumbona plaieira, mentres insultan e tentan desacreditar a quen estivo no seu posto ao longo dos peores días.

O caso é «dar a idea», como limos estes días nesas 50 medidas que pide o PP para que non se repita o deste ano, unha frase que, coas présas, non foi borrada do texto enviado á prensa. Intoxicar e manipular, pero nin de broma pedir o Nivel 3 de Emerxencia como se fixo no apagón de hai uns meses con inusitada celeridade, mellor ao Exército que por certo levaba tres días sobre o terreo cando Feijóo tivo a ocorrencia de solicitalo. Manténdose no Nivel 2 asegúranse que os fondos e axudas sexan gobernados por eles e non polo Estado. Que moito chaleque amarelo e cara de circunstancias, pero a vaquiña polo que vale. Tarde, mal e arrastro, como todo canto xestionan. Pero iso, por desgraza, tamén imos esquecelo cando toque volver a votar.

Comparte éste artículo
No hay comentarios