Brais Vázquez : “o inmoble atópase nunha situación de total abandono, coa estrutura deteriorada, a maleza cubríndoo e con presenza incluso de roedores, o que afecta directamente aos veciños próximos, especialmente no verán cando aumenta o risco de incendios”.
O BNG de Monterroso, a través do seu concelleiro Brais Vázquez Lamazares, vén de facer unha visita á aldea de Güimil onde a veciñanza demanda á alcaldía que actúe con urxencia sobre unha edificación de titularidade municipal, actualmente en estado ruinoso e rodeada de maleza, o que supón un evidente risco para a veciñanza.
Segundo denuncia Vázquez, “o inmoble atópase nunha situación de total abandono, coa estrutura deteriorada e coa maleza cubríndoo, o que afecta directamente aos veciños próximos, especialmente no verán cando aumenta o risco de incendios ou derrubes”.
O BNG considera que esta situación é un claro exemplo de deixadez por parte do goberno local, xa que o propio concello esixe aos propietarios particulares manter as súas fincas limpas e en condicións, mais non aplica os mesmos criterios ás propiedades municipais. “Non é de recibo que o concello actúe con dobre vara de medir”, engadiu o edil nacionalista.
Por este motivo, o BNG solicita dúas actuacións inmediatas, a máis urxente que sería a limpeza e subsanación das deficiencias do inmoble en Güimil. E a segunda, que sería a posterior rehabilitación do inmoble para ser destinado a un uso social que beneficie ao conxunto dos veciños.
Ademais, o grupo nacionalista anuncia que presentará nos próximos meses unha proposta para a creación dunha ordenanza municipal de conservación e rehabilitación de inmobles, que permita establecer obrigas claras tanto para particulares como para o propio Concello, garantindo a seguridade, salubridade e posta en valor do patrimonio edificado.
“Desde o BNG entendemos que o patrimonio municipal debe poñerse ao servizo da xente, e non permanecer abandonado e convertido nun foco de problemas. Un espazo como este podería ter un aproveitamento social e comunitario, xerando valor e servizos para a aldea, e a ordenanza permitirá evitar situacións de abandono como a que se dá hoxe en Güimil”, concluíu Vázquez.