O Movemento Global a Gaza – Galiza convoca mobilizacións en todo o país o 30 de agosto. As accións, baixo o lema “Contra o xenocidio e en apoio á Flotilla Sumud Global”, terán lugar en cidades e vilas galegas como Compostela, Vigo, Ferrol, A Coruña, Ourense, Pontevedra, Fisterra, Illa de Arousa, Sanxenxo e Redondela.
O Movemento Global a Gaza – Galiza chama á sociedade galega a mobilizarse o vindeiro 30 de agosto en solidariedade co pobo palestino e en apoio á Flotilla Sumud Global, que partirá o 31 de agosto desde distintos portos internacionais para romper o bloqueo imposto polo Estado de Israel a Gaza. Están organizadas accións por mar e por terra.
As accións confirmadas na Galiza
- Compostela: Concentración ás 12h na Praza do Toural.
- A Coruña: Manifestación ás 12h desde o Obelisco.
- Ourense: Concentración ás 20h na Praza Maior.
- Pontevedra: Roteiro ás 20h desde o Hospital até a Subdelegación.
- Lugo: Concentración ás 20h. na Praza Maior.
- Ferrol: Encontro de embarcacións ás 12h. no Muelle de Cortina. |Recital poético no Muelle de Curuxeiras ás 20h
- Vigo: Regata de vela solidaria ás 11h e marcha terrestre en Samil ás 17h.
- Fisterra: Marcha ás 11h desde o Monumento ao Emigrante até o faro.
- Illa de Arousa: Marcha pola ponte e flotilla ás 12h.
- Sanxenxo: Marcha desde a Praza dos Barcos á Lonxa de Portonovo ás 19h.
- A Guarda: Concentración ás 19h na Praia do Porto
- Ribadeo: Concentración o domingo 31 ás 12:30 na Praza de España
- Redondela: concentración o luns 1 de setembro ás 20:30h na Praza do Concello
Denuncia e solidariedade
Desde o movemento denuncian que a comunidade internacional está a asistir “en directo a un xenocidio”:
“Vidas esnaquizadas, familias destruídas, hospitais e escolas bombardeadas, persoal sanitario e xornalistas asasinados”.
Critican tamén a complicidade de gobernos europeos e institucións internacionais, “que manteñen relacións comerciais e militares co Estado de Israel mentres a infancia palestina é obxectivo do terror”.
A Flotilla Sumud Global estará composta por ducias de barcos con tripulacións de 44 países, que partirán o 31 de agosto co obxectivo común de romper o asedio ilegal imposto a Gaza por mar e entregar axuda humanitaria. Ademais, este movemento global pretende facer visíbel a solidariedade internacionalista coa Palestina.
“Palestina resiste xeración tras xeración, con dignidade e orgullo, e a súa loita é tamén a nosa. O 30 de agosto, Galiza sairá á rúa para dicir que Palestina non está soa”, sinalan desde a organización convocante.
O Movemento Global a Gaza – Galiza pide a todas as organizacións sociais, sindicais, culturais, feministas, estudantís, ecoloxistas, veciñais e políticas e ao conxunto da sociedade clvil galega, que se sumen á mobilización, e fai un chamamento especial a manter a vixilancia no caso de que a flotilla sufra sabotaxes ou ataques durante a súa viaxe.