O PP considera “boa nova para Becerreá” que se imparta neste curso 2025/2026 o ciclo de FP Básica en Electricidade e Electrónica

O portavoz, José Fernández Carrete, destaca o dobre obxectivo: “dotar de oportunidades ao alumnado e, ao mesmo tempo, ofrecer formación teórica e práctica en ámbitos con demanda de profesionais”.

O PP considera “unha boa nova” que “se imparta o ciclo de FP Básica en Electricidade e Electrónica no IES de Becerreá” que neste curso 2025/2026 rexistrou 12 matrículas.

Os populares poñen en valor a aposta da Xunta de Galicia e, máis concretamente, da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional pola FP cun dobre obxectivo: “dotar de oportunidades ao alumnado e, ao mesmo tempo, ofrecer formación, tanto teórica como práctica, en ámbitos con demanda de profesionais”.

O portavoz, José Fernández Carrete, subliña “esta oportunidade” para o futuro e o desenvolvemento de Becerreá que permite “formar aos mozos e mozas do municipio interesadas” e, tamén, “atraer alumnado doutros lugares que estea interesado neste ámbito da electricidade e electrónica que dispón de diversas saídas profesionais nas que procurar un emprego”.

Tamén anima aos mozos e mozas a informarse sobre este tipo de iniciativas que pretenden adaptar a formación á realidade da nosa sociedade con necesidade de profesionais en sectores con alta demanda. Así, agarda que “nos vindeiros cursos se manteña o nivel de matrícula para darlle continuidade a este ciclo de FP básica en Electricidade e Electrónica no IES de Becerreá”.

A FP Básica diríxese a alumnado en idade de escolarización -alumnos con 15 anos ou que os cumpran no ano natural en curso, ter cursado 3º da ESO ou, excepcionalmente, 2º da ESO e ser proposto polo profesorado-. No caso de quedar prazas vacantes tamén se poden completar os grupos con mozos e mozas que fagan 17, 18, 19 ou 20 anos no ano de inicio do ciclo formativo e que non estean en posesión dun título de FP nin teñan acreditada a finalización de estudos secundarios completos. Esta modalidade permite obter o título de graduado en ESO e o título de Técnico Básico na especialidade correspondente.

A Xunta de Galicia oferta tamén este curso FP Básica Adaptada dirixida aos colectivos máis vulnerables e FP Básica para adultos; ademais dunha nova modalidade, exclusiva de Galicia, que se engade á oferta habitual de títulos de grao medio e superior nas modalidades ordinaria e modular (presencial ou semipresencial e a distancia), cursos de especialización e outros programas formativos: a FP acelerada nun período de entre catro e seis meses para mellorar a cualificación do alumando e abrir as portas do mercado en sectores que demandan profesionais de forma urxente.

FORMACIÓN PROFESIONAL EN BECERREÁ

O IES de Becerreá oferta, na modalidade ordinaria, o grao básico en Electricidade e Electrónica e o Centro de Formación e Experimentación Agraria (CFEA) da Alta Montaña o grao medio en Aproveitamento e conservación do medio natural e o grao superior en Xestión forestal e do medio natural.

MELLORA DA CUBERTA DO IES

Os populares destacan tamén “o investimento de máis de 17.500€ por parte da Xunta na mellora da cuberta do IES de Becerreá dentro do plan Ben-Estar na Escola 2025”.

Etiquetas
Comparte éste artículo
No hay comentarios