O sub-23 do Val do Ulló e a súa compañeira de club cadete marcaron os mellores rexistros nun evento que repartiu catorce coroas autonómicas.
A terceira edición do Campionato de Galicia de Pump Track viviu un ‘dobrete’ do Val do Ulló. Lucindo as cores do club de Vilaboa, o sub-23 Iván García e a cadete Paula Rodríguez asinaron os rexistros scratch na pista do Complexo Deportivo de Monterrei, no concello ourensán do Pereiro de Aguiar. Dos 124 participantes, catorce acadaron unha coroa autonómica na cita que contou co Maese Riders Team como entidade anfitrioa.
A provincia de Ourense acolleu por primeira vez este evento que os dous anos anteriores tivera como sede ao municipio pontevedrés de Mondariz e ao coruñés de Mugardos. Cada rider dispuxo de dúas quendas e o mellor tempo da xornada estableceuno Iván García. O corredor sub-23 de Pazos de Borbéndetivo o cronómetro no seu intento máis rápido en 13 segundos e 312 milésimas, unha actuación que lle outorgou por primeira vez a vitoria absoluta no Campionato de Galicia.
A pugna polo primeiro posto scratch e o título sub-23 decidiuse por menos dunha décima de segundo. Raúl Gándara (Pontebike) quedou como dobre subcampión cunha marca de 13.406 e metido de cheo na batalla pola vitoria absoluta tamén estivo o gañador cadete Noé Porto (Máster da Louriña), que fixo no seu mellor intento 13.469. Os outros dous competidores que baixaron da barreira dos 14 segundos foron o vencedor máster-30 Alejandro Pérez (Maese Ourense), cun ‘crono’ de 13.894, e o segundo clasificado cadete Izan Lago (Val do Ulló), cun tempo de 13.906.
Duelo cadete
A categoría cadete marcou a pauta no apartado feminino. A ourensá Paula Rodríguez subiu por primeira vez ao máis alto do podio no Campionato de Galicia e ratificou o dominio do Val do Ulló. A rider de Cartelle impúxose grazas a un rexistro de 14.230, batendo por medio segundo a Ainoa Posada, subcampioa cadete e scratch con 14.746.
O terceiro posto ocupouno a infantil Inés Araújo (VigoEnduro), que se adxudicou con 15.871 o triunfo nunha categoría moi igualada. Pouco máis dunha décima separou do título infantil a Carla Pérez (Val do Ulló), segunda con 15.977, e a menos de dúas décimas do ouro finalizou a terceira clasificada Jimena Novo (Farto), que completou o top-5 absoluto con 16.031.
O resto de camisolas do Campionato de Galicia conquistáronas Daniel Iglesias (Arteixo-MB3) nos infantís, Pedro Fernández (OsdoSacho) nos júniores, Alejandra Chapela (VK Bikes) nas elites, Javier Novo (BDM Bike) nos elites, Tamara Santos (VK Bikes) nas máster-40, Francisco Manuel Lorenzo (Bike ou Non Vai) nos máster-40, Rosa María López (Maese Ourense) nas máster-50, Miguel Ángel Pintos (Coruxo) nos máster-50 e Antonio Piñeiro (Maese Ourense) nos máster-60.
Á cerimonia de premios asistiron Manuel Pérez, xefe do servizo provincial de Deportes da Xunta de Galicia na provincia de Ourense; e Óscar Sánchez, vicepresidente da Federación Ciclismo Galego. Nesta clausura do evento tamén se entregaron os trofeos das categorías de promoción, nas que non había en xogo camisolas do campionato autonómico. Os triunfos entre as cativas e os cativos acadáronos Sofía Casal (Val do Ulló) e Noel Vidal (Val do Ulló) en Promesa, Sofía Núñez (Ribadumia) e Lois Rodríguez (Ribadumia) en Principiante, e Vera Rodríguez (Lasal Cocina-Craega Kids) e Thiago Beiro (BMX Cromoly) en Alevín.