Os nacionalistas sinalan que “á veciñanza do lugar non lle chegan pan, peixe ou froita porque, ante a situación de deterioro das dúas estradas de acceso, os comerciantes néganse a subir cos vehículos ata o lugar”.
O BNG de Muxía reclamou o arranxo urxente dos accesos por estrada ao lugar da Raposa, indicando que a situación actual “non pode esperar máis”. Os nacionalistas indicaron que para o proxecto de POS adicional 2025, que se tratará proximamente en pleno, acadaron “o compromiso de que se incluíra, por fin, a reforma da estrada que vai de Quintáns ata Senande, nunha primeira fase ata Agranzón, e dos accesos avarios lugares, entre eles o da Raposa”, e subliñaron que “aactuación incluída neste POS adicional -aprobación, permisos, licitación e execución- levará meses, e a veciñanza da Raposa leva xa moito tempo sen servizos”.
O BNG presentou en 2023 unha moción plenaria explicando a situación da estrada de Quintáns a Senande e dos accesos a lugares como Tralapedra, A Raposa, Castelo, Agranzón ou Agrodosío. Aprobouse por unanimidade da Corporación o arranxo da estrada, mais o goberno saínte nunca acometeu as obras aprobadas: nin as incluíu nos POS nin as fixo con financiación municipal.
Hai anos que o BNG de Muxía vén denunciando o estado de estradas, pistas e lugares polo abandono e deterioro que sofren nos últimos anos e aos que se segue sen se lles poñer remedio.
A formación nacionalista afirmou que “todos e todas os que viven nas aldeas saben que un dos servizos esenciais é o das panaderías, peixeiras e camións que lles acercan produtos básicos ás casas, evitando que teñan que desprazarse para aprovisionarse de víveres frescos e, sobre todo, do pan de cada día”. E explicou que “no lugar da Raposa, á veciñanza non lle chegan pan, peixe ou froita porque, ante a situación de deterioro das dúas estradas de acceso, os comerciantes néganse a subir cos vehículos ata o lugar, pois corren o risco de deixar as rodas no traxecto”.
A voceira do BNG, Mercé Barrientos, xa comunicara ao alcalde en varias ocasións, tanto por escrito como en persoa, a necesidade urxente de acometer traballos de rebacheo e de reparación de estradas e pistas. O BNG de Muxía comunicou a súa disposición a aprobar a financiación necesaria para este fin. As actuacións de mantemento, na opinión da voceira Mercé Barrientos, “deben de realizarse á maior brevidade e priorizarse para garantir á veciñanza que carece actualmente de servizos esenciais que estes lle cheguen”.
O grupo nacionalista muxián leva tempo insistindo aos diferentes gobernos municipais da necesidade de elaborar un Plan Municipal de Mantemento que permita actuar con previsión. “Cada ano que se pasa sen plan de mantemento o estado dos accesos ás aldeas empeora; algúns, como na Raposa ou a Agrodosío, ata o punto de que en pouco tempo os traballos xa non terán que ser de mantemento senón que haberá que volver a facer a vía”, sinalou o BNG, queobserva” un abandono que a veciñanza non merece”, econsidera que é preciso que se acometan xa labores de reparación imprescindibles para garantir os servizos.