Antonio Ameijide recorda que non se trata da primeira contratación que realizan a estas empresas e que en meses anteriores xa se contratou por valor de máis de 250.000€ actividades: “estamos ante un novo exemplo da política de amiguetes e de compra de vontades por parte de PSOE e BNG dende a Deputación cun único obxectivo: beneficiar aos seus”.
O voceiro provincial popular, Antonio Ameijide,volve a poñer o foco “en determinadas contratacións” que realizan o PSOE e o BNG dende o goberno da Deputación de Lugo xa que “contratar a empresas do entorno do BNG está fóra de toda ética” xa que “o que pretenden neste caso é tentar orientar ideoloxicamente aos mozos da provincia”.
Antonio Ameijide refírese a unha contratación realizada á empresa ‘Nós, produtora cinematográfica galega S.L.’ por valor de 17.859,60€ para a execución relativa á posta en valor do territorio e espazos culturais da provincia de Lugo que aparecen no filme ‘Prefiro condenarme’, así como a cesión de dereitos do filme para 112 emisións en centros de ensino secundario nas comarcas de: Os Ancares, Fonsagrada, Chantada, Lugo, A Mariña central, A Mariña occidental, A Mariña oriental, Meira, Quiroga, Sarria, Terra Chá, Terra de Lemos e A Ulloa.
Antonio Ameijide explica que realizar este tipo de contratacións “está fóra de toda ética”, ao que ademais engaden que “teñen unha clara estratexia de tentar orientar ideoloxicamente aos mozos da provincia con este tipo de emisións, unha postura que non se debería de permitir”.
NON É A PRIMEIRA VEZ QUE CONTRATAN ESTAS EMPRESAS
Para o voceiro provincial popular “está fóra de lugar” que dende as administracións públicas nas que PSOE e BNG gobernan “destinen fondos a empresas do seu entorno” xa que “no pasado chegaron a contratar empresas das que altos cargos do BNG son accionistas”. “Sempre escoitamos presumir aos membros do BNG da súa transparencia e honestidade, pero non semella ético que destinen fondos a empresas das que son accionistas”, afirmou.
Antonio Ameijide recorda que non estamos ante a primeira ocasións na que PSOE e BNG realizan este tipo de contratacións xa que hai meses que denunciamos que estaban a realizar este tipo de prácticas “totalmente reprobables dende o punto de vista ético”.
En total, xa se realizaron contratacións por máis de 250.000€, entre o pago de 41.722€ a Nós Diario, empresa pertencente a Sermos Galiza (empresa da que son accionistas, entre outros, Ana Pontón e Olalla Rodil), en concepto da contratación de 129 subscricións en papel (área de Cultura), unha subscrición máis en papel (servizo de publicacións), unha subscrición dixital (rede museística provincial), dúas subscricións en papel (área de Deportes) e outra subscrición en papel (área de Medio Rural); así como contratacións anteriores a Sermos Galicia por valor de 214.539€.