O profesor, referente internacional en Dereito Internacional, desenvolverá o seu proxecto na Facultade de Dereito da UDC durante os vindeiros catro anos cunha axuda de 1 millón de euros.
A Facultade de Dereito da Universidade da Coruña vén de incorporar ao recoñecido profesor sueco Ulf Linderfalk, unha das figuras máis destacadas a nivel mundial no ámbito do Dereito Internacional, co obxectivo de desenvolver o seu proxecto de investigación durante os próximos catro anos.
Linderfalk foi un dos 31 investigadores seleccionados na convocatoria ATRAE 2024 da Axencia Estatal de Investigación, que busca atraer talento internacional de excelencia ás institucións de educación superior e investigación de España. Nesta edición, na que se presentaron 148 candidaturas, o profesor foi o único galardoado no panel de Dereito, obtendo unha subvención de 1 millón de euros para o desenvolvemento do seu traballo na UDC.
Un referente mundial en Dereito Internacional
Catedrático de Dereito Internacional na Universidade de Lund (Suecia), Linderfalk incorporouse a esta institución en 2001, tras defender a súa tese de doutoramento sobre a interpretación de tratados internacionais. A súa investigación aborda cuestións estruturais e filosóficas do sistema xurídico internacional, como os conflitos normativos, a xerarquía xurídica, a interpretación legal, a boa fe, o abuso de dereitos, a proporcionalidade ou a discrecionalidade, integrando perspectivas da Filosofía do Dereito, as Teorías da Linguaxe e a Epistemoloxía.
É autor de catro monografías, entre elas On the Interpretation of Treaties(Springer, 2007) e Understanding Jus Cogens in International Law andInternational Legal Discourse (Edward Elgar, 2020), así como de máis de 35 artigos en revistas de prestixio como European Journal of International Law ou Leiden Journal of International Law. O seu traballo foi amplamente citado e influíu directamente nos informes da Comisión de Dereito Internacional da ONU sobre normas de ius cogens e fragmentación do dereito internacional.
Ao longo da súa carreira, obtivo financiamento por valor de preto de 2 millóns de euros de entidades como o Consello Sueco de Investigación e a Fundación Ragnar Söderberg, liderando proxectos de colaboración con universidades de referencia. Ademais, dirixiu sete teses de doutoramento e supervisou tres investigadores posdoutorais, contribuíndo á formación de novas xeracións de expertos en Dereito Internacional.
A súa incorporación á Universidade da Coruña supón un importante impulso para a capacidade investigadora e a proxección internacional da institución, reforzando o papel da UDC como centro de excelencia no ámbito xurídico.
Apoio ao talento e á excelencia
A incorporación de persoal investigador de excelencia enmárcase dentro do Plan Estratéxico da Universidade da Coruña, no que hai unha clara aposta polo fomento de investigación de calidade. Un obxectivo para o que hai establecidas diversas liñas de atracción e retención de talento. Iniciativas que se canalizan esencialmente a través da Oficina de Captación de Persoal Investigador (OCPI)