Rego anuncia interpelación urxente a Óscar Puente no Congreso sobre o futuro do transporte ferroviario en Galicia

O BNG exixirá, no inicio do curso político, acelerar as infraestruturas pendentes: cercanías, modernización de liñas e impulso ao Corredor Atlántico.

O Bloque Nacionalista Galego, a través do seu deputado no Congreso, Néstor Rego, levará ao Pleno da cámara baixa, a vindeira cuarta feira 10 de setembro, unha interpelación urxente dirixida ao Ministro de Transportes e Mobilidade Sustentábel, Óscar Puente. A formación nacionalista porá sobre a mesa as carencias e necesidades estruturais do transporte ferroviario na Galiza, reclamando neste comezo de curso político accións inmediatas e investimentos reais que permitan avanzar cara a unha rede ferroviaria moderna, eficiente e pensada para as galegas e galegos.

Segundo Rego, “a realidade do transporte ferroviario galego é insatisfactoria, malia os compromisos adquiridos polo Goberno no marco do Acordo de Investidura co BNG. O Ministerio debe pasar das promesas aos feitos e poñer en marcha medidas concretas que dean resposta ás demandas da cidadanía galega”.

Incremento de frecuencias, máis prazas e mellora do servizo

No apartado dos servizos ferroviarios, o deputado do BNG subliñará a necesidade urxente de incrementar as frecuencias e ampliar o número de prazas nas conexións ferroviarias que operan na Galiza. A formación nacionalista leva meses advertindo do malestar social causado pola insuficiencia de prazas dispoñíbeis, especialmente nas liñas máis utilizadas, así como polos problemas de puntualidade que persisten a pesar do chamado “Plan de Puntualidade”.

“O Ministerio debe ofrecer un servizo que permita ás galegas e galegos planificar as súas viaxes con antelación e comodidade, e non obrigalos a estar pendentes da apertura semanal da venda de billetes, que ademais só se poden adquirir cun mes de antelación” denuncia Rego. O BNG considera que esta práctica é unha mostra máis da xestión centralista e pouco adaptada á realidade territorial galega.

Rego tamén incidirá na necesidade de garantir un servizo ferroviario universal e de calidade, tanto no Eixo Atlántico como nas liñas AVANT e FEVE, fundamentais para vertebrar o territorio e garantir a mobilidade en condicións de equidade. “A Galiza precisa unha planificación ferroviaria propia, con frecuencias e prazas axeitadas á demanda real” insiste Rego. Con este obxectivo, o deputado nacionalista exixirá a recuperación de todos os servizos e paradas suprimidas nos últimos tempos e exemplifícao coa parada suprimida recentemente na Gudiña.

Infraestruturas estratéxicas pendentes: cercanías, modernización de liñas e Corredor Atlántico

Ademais das deficiencias no servizo diario, a interpelación do BNG poñerá o foco nas infraestruturas estratéxicas que permanecen sen executar, malia seren parte dos compromisos adquiridos polo Goberno central. Entre estas actuacións, Rego destacará a necesaria implantación das cercanías ferroviarias na Galiza, “unha reivindicación histórica do BNG -conseguida no Acordo de Investidura que permitirá mellorar a conectividade entre as principais áreas urbanas e facilitar a mobilidade sustentábel da poboación”.

“Demandaremos ao Ministro de Transportes a modernización urxente de liñas como a da Coruña-Lugo, seguindo o exemplo das actuacións iniciadas na liña Lugo-Ourense, comprometidas no anterior Acordo de Investidura” recorda o deputado nacionalista.

Paralelamente, engade Rego, reclamaremos ao Goberno un impulso decidido para o Corredor Atlántico ferroviario, desde Ferrol até a saída sur de Vigo, co compromiso de cumprir os prazos de finalización establecidos para 2030, unha infraestrutura chave para o transporte de mercadorías e a competitividade económica do país.

Rego advertirá de que, sen unha aposta decidida por estas infraestruturas, a Galiza corre o risco de continuar á marxe dos grandes corredores ferroviarios do Estado e de Europa, perpetuando un modelo de transporte ineficaz e discriminatorio.

Unha rede ferroviaria para a Galiza do século XXI

Para o BNG, o transporte ferroviario é unha ferramenta esencial para o desenvolvemento económico, social e ambiental da Galiza. A formación lembra que a posta en marcha dunha rede moderna, sustentábel e plenamente conectada co territorio é unha das principais exixencias que o Bloque trasladou ao Goberno español na negociación do Acordo de Investidura, mais considera que os avances están a ser lentos e insuficientes.

“A Galiza precisa unha rede ferroviaria do século XXI, que priorice ás persoas e non responda a unha lóxica centralista que nos mantén nunha situación de inferioridade. É hora de actuar con decisión para garantir un servizo digno, accesíbel e vertebrador do país”, conclúe Rego.

O deputado nacionalista aproveitará a súa intervención no Pleno para reclamar ao Ministro Puente unha folla de ruta clara, con prazos definidos e investimentos concretos, que marque un punto de inflexión na política ferroviaria do Estado en relación coa Galiza.

Comparte éste artículo
No hay comentarios