O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, criticou hoxe a decisión do presidente da Xunta, Alfonso Rueda, de non aceptar a condonación da débeda autonómica, cualificando a súa postura de «seguidismo obsceno do que lle marca Feijóo».
Besteiro defendeu a medida, aprobada polo Goberno central, como «o quilómetro cero da financiación autonómica», que permitirá liberar 1.700 millóns de euros anuais para reforzar servizos públicos en Galicia. O líder socialista subliñou que a comunidade galega podería beneficiarse cunha condonación de 4.010 millóns de euros, unha cantidade que supera o seu peso poboacional. «Se a unha familia lle perdoan un terzo da súa hipoteca, ninguén entendería que rexeitase esa medida», exemplificou.
Segundo Besteiro, a medida non só mellora a posición financeira de Galicia, senón que beneficia ao conxunto das comunidades, xa que «sete de cada dez euros da condonación van para territorios gobernados polo Partido Popular». Por iso, insistiu en que a negativa de Rueda é un prexuízo claro para Galicia e responde unicamente á disciplina de partido.
Críticas á xestión dos incendios
O secretario xeral do PSdeG tamén denunciou a «falta de coordinación e a improvisación» da Xunta durante a vaga de incendios que arrasou máis de 100.000 hectáreas. Mencionou casos de «malgasto de recursos» e motobombas asignadas a grupos de emerxencia que nin sequera existían.
Besteiro anunciou que se reunirá hoxe coa asociación dos Grupos de Emerxencia Supramunicipais (GES) para escoitar as súas demandas e advertiu que Rueda «vai ter que dar moitas explicacións» na vindeira sesión plenaria do Parlamento.
Resposta sobre Ryanair e as taxas aeroportuarias
A preguntas dos xornalistas sobre a decisión de Ryanair de reducir operacións en Galicia, Besteiro recordou que a suba das taxas aeroportuarias provén dunha lei aprobada polo PP en 2014. Con todo, subliñou que a responsabilidade da Xunta é promover redes comerciais e turísticas que melloren a conectividade de Galicia, en lugar de limitarse a seguir a postura do PP en Madrid.