O deputado Oscar Insua traslada á Valedora do Pobo a necesidade de abrir o centro de día de Corcubión

O parlamentario corcubionés comunica a María Dolores Fernández Galiño a importancia de que Corcubión e a comarca teñan un centro de día público, dado que a Costa da Morte non conta con ningunha praza dispoñible deste servizo.

O deputado do BNG pola Costa da Morte, Oscar Insua, mantivo un encontro coa Valedora do Pobo, María Dolores Fernández Galiño, este mércores 3 de setembro, co obxectivo de dar a coñecer a problemática en torno ao centro de día de Corcubión. A reunión respondeu á necesidade de expoñer a negativa reiterada por parte da Xunta de Galiza a asumir a apertura e xestión do servizo, o que suscitou mobilizacións por parte do Concello de Corcubión e da veciñanza para esixir a posta en funcionamento do centro.

Oscar Insua explicou que a necesidade de que Corcubión dispoña dun centro de día tivo boa acollida por parte da Valedora do Pobo, que se amosou disposta a facer o posible para atopar unha solución á problemática. 

“Démoslle traslado da importancia de que Corcubión e a comarca teñan un centro de día público, dado que na Costa da Morte non existe nin unha soa praza dispoñible deste servizo”, manifestou o parlamentario nacionalista. 

O BNG lembrou que o alcalde de Corcubión, Xabier Domínguez, xunto coa concelleira de Servizos Sociais, Pilar Tubío, e o propio Oscar Insua, entregaron o 4 de agosto máis de 1.300 firmas no Parlamento galego esixindo que o goberno galego asuma as súas competencias e proceda a abrir o centro de día. Ademais de salientar que o problema vai a ser tratado no Parlamento europeo da man da deputada Ana Miranda, que visitou Corcubión o pasado 23 de agosto.

A formación nacionalista tamén sinalou que o rexedor corcubionés sigue agardando a que a conselleira de Política Social, Fabiola García, o reciba para manter unha xuntanza etratar o asunto, logo de múltiples peticións ao respecto por parte de Xabier Domínguez.

Comparte éste artículo
No hay comentarios