“Dous Rombos… Pasa para a cama” volve a escena

O artista ulloán Sergio Alba, volve aos escenarios despois do parón estival, para comezar unha nova tempada deste show de humor, no que o pasado estará moi, moi presente.

Sergio. Como xurdiu ao idea de facer este show?

Dous Rombos…Pasa para a cama! É un espectáculo, que naceu coa única pretensión de asomarnos cun sorriso a aquela época, na que nos mandaban para a cama poñendo dous rombos na pantalla do televisor.

Trátase dunha homenaxe a través do humor, a esas xeracións que pasamos do branco e negro á cor, sen nos dar apenas conta, adaptándonos pouco a unha nova forma de ver e vivir a realidade.

E digo xeracións, porque fálase moito dos «ochenters» e «noventers» pero aí están os nosos proxenitores, agora avós, manexando as novas tecnoloxías con moita destreza. Os meus pais, son máis activos ca mín nos grupos de WhatsApp!

Haberá no show intelixencia artificial?

Que va! É todo moi analóxico. É máis, Creo que agora máis ca nunca, hai que por en valor os espectáculos en directo. Hoxe en día, é complicado saber que é real e que non nas redes. No directo, non hai trampa nin cartón.

Onde poderemos desfrutar do espectáculo?

Pois reanudamos o xoves 2 de outubro, estreando tempada no emblemático Clavicémbalo de Lugo, en vésperas do San Froilán para ir quecendo os festimotores. Tamén estaremos o 19 dese mes no Salón Teatro de Lalín.

Comparte éste artículo
No hay comentarios