A Xunta patrocina o V Trofeo Internacional de Volei Femenino, que se celebrará en Lugo

A Xunta patrocina o V Trofeo Internacional de Voleibol feminino, que organiza o Club Voleibol Emevé e que se celebrará do 12 ao 14 de setembro en Lugo.

O delegado territorial, Javier Arias, e a presidenta do club organizador, Bibí Bouza, presentaron esta mañá o torneo, que terá por primeira vez formato triangular. Ademais do equipo anfitrión, o Arenal Emevé, no trofeo participarán tamén o SC Braga e o Feel Volei, de Alcobendas.  

O partido inaugural da competición terá lugar o venres ás 18.00 horas e enfrontará ao SC Braga co Feel Volei. O sábado será a quenda do Arenal Emevé, que xogará fronte ao SC Braga ás 16.45 horas, e o torneo rematará o domingo co encontro entre o Feel Volei e o Arenal Emevé, ás 12.00 horas, e a posterior entrega de trofeos. Todos os partidos desenvolveranse no pavillón municipal de deportes.

Javier Arias considera “un orgullo acoller na cidade por quinto ano consecutivo o único trofeo internacional feminino de voleibol de máxima categoría e facelo ademais recibindo a dous equipos de prestixio como o SC Braga, que conta cun longo historial de éxitos en Portugal, e o Feel Volei, que volta esta tempada á elite do volei en España”.

Puxo ademais en valor o “traballo constante” do Emevé para seguir atraendo a Lugo grandes eventos deportivos, “como é este trofeo internacional, que conseguiu consolidarse xa como unha cita ineludible da pretemporada oficial de voleibol no noroeste peninsular”, ou como foi tamén o Campionato de España Júnior Feminino, que durante cinco días do pasado mes de maio reuniu na cidade a 32 dos mellores equipos do país”.

Comparte éste artículo
No hay comentarios