O BNG de Baleira denuncia a grave irresponsabilidade do goberno municipal despois do incendio producido nunha nave alugada polo Concello que se utilizaba para gardar maquinaria e que, ademais, funcionaba como un punto limpo ilegal, acumulando todo tipo de refugallos sen ningunha medida de seguridade antiincendios.
O voceiro municipal do BNG, Tino Díaz, advertiu de que esta situación “é un exemplo máis da deixadez coa que o Concello xestiona recursos públicos, poñendo en risco tanto os bens municipais como a seguridade das veciñas e veciños”.
“Estamos a falar dunha nave que non reunía ningunha condición mínima: sen medidas de prevención, sen control dos materiais acumulados e convertida de feito nun vertedoiro improvisado. O resultado é que agora temos que lamentar un incendio que podería ter consecuencias aínda máis graves”, explicou Díaz.
O BNG lembra que o goberno municipal ten a responsabilidade de garantir que as instalacións municipais cumpran coa normativa vixente, especialmente en materia de prevención de riscos laborais e seguridade contra incendios.
Ademais, desde o BNG explican que este punto limpo ilegal é consecuencia directa de que o servizo de recollida de pertenzas de uso doméstico a domicilio non funciona adecuadamente, obrigando á veciñanza a buscar alternativas como depositar os seus residuos nesta nave ou converter os puntos de recollida de plásticos agrícolas tamén en vertedoiros incontrolados ao depositar tamén neles refugallos “É unha proba máis da falla de planificación e da improvisación coa que se xestionan servizos básicos en Baleira”, engadiu Díaz.
Dende o BNG de Baleira esíxese que a Alcaldía dea explicacións públicas inmediatas e que se aclare cales eran as condicións do alugueiro da nave, quen autorizou o seu uso como almacén e vertedoiro, e que medidas pensa adoptar o goberno local para evitar que se repitan feitos tan graves.
“É imprescindible que se asuman responsabilidades e que se garantan instalacións seguras e legais, porque o que pasou non é un accidente illado, senón o resultado directo da improvisación e da falta de xestión seria”, concluíu Tino Díaz.