Comisariado por David Lozano, o ciclo de conferencias “Memoria de amor e loita” programará quince citas en doce localidades da provincia, entre o 15 de setembro e o 20 de outubro, e terá como relatores a Carmela Galego, Jorge Calle, David Lozano, Inmaculada Otero, Xavier Correa Corredoira, Olga Mahía, Carlos L. Bernárdez, Serxio Castro, Miguel Anxo Fernán-Vello e Conrado Arranz.
A área de Dereitos Civís da Deputación da Coruña vén de crear un programa para dar a coñecer as figuras da escritora coruñesa Syra Alonso e do seu home, o pintor tamén coruñés Francisco Miguel, detido e fusilado en Bértoa (Carballo) pola Garda Civil en 1936, acusado de actuar contra o réxime militar golpista. Presentouse esta mañá na sede provincial, nunha rolda de prensa na que participaron Sol Agra, deputada de Dereitos Civís; David Lozano, comisario dunha das citas do proxecto, o ciclo de conferencias “Memoria de amor e loita”; Carmen García-Rodeja, presidenta da Asociación para a Recuperación da Memoria Histórica (ARMH), e o escritor e editor Miguel Anxo Fernán-Vello.
“Recuperar a memoria das persoas asasinadas, represaliadas e exiliadas durante o golpe de estado e a ditadura fascista que o seguiu, é unha obriga das administracións públicas”, afirmou Agra. “O impulso de políticas de memoria democrática”, engadiu, “é un deber indispensábel que neutralice o esquecemento e evite a repetición dos episodios máis negros da historia”.
Para Agra, o seu obxectivo como deputada de Dereitos Civís “é contribuír a recuperar esa memoria esquecida e silenciada, dando a coñecer a verdade e reparando o honor e dignidade das vítimas e das súas familias, para que se faga xustiza histórica”.
Ciclo de conferencias
O ciclo de conferencias “Memoria de amor e loita”, no que colabora a ARMH, pretende dar a coñecer a vida e obra de Syra Alonso e de Francisco Miguel, así como presentar os “Diarios” de Alonso, recuperados no 2000 pola xornalista Carme Vidal na publicación “A nosa terra” e que veñen de ser reeditados por Alvarellos, con tradución de Anxos Sumai e material inédito da autora.
O ciclo divídese en dúas partes. A primeira, “Francisco Miguel, a vangarda arrebatada”, centrarase na figura do pintor, colaborador das revistas “Alfar” e “Casa de América” e rexente da Librería de Arte na rúa Real da Coruña. Amigo de Picasso, Carpentier, Seoane, León Felipe e o muralista mexicano Siqueiros, Francisco Miguel foi tamén ilustrador dos poemas de Jorge Luis Borges ou de Gabriela Mistral. Os restos de Francisco Miguel localizáronse e identificáronse hai agora dous anos e neste mes entregaránselle á familia para darlles sepultura no cemiterio de Santo Amaro.
A segunda, “Syra Alonso e Francisco Miguel: crónica de amor e ausencia”, centrarase na figura da escritora e servirá para presentar os seus “Diarios”, algúns de cuxos exemplares se repartirán nas presentacións.
O programa inclúe quince citas, con este calendario:
• 15 de setembro, ás 20 horas, no salón de plenos do concello de Sada. Relatores: Jorge Calle, profesor de arte (“As vangardas artísticas na obra dun galego: Francisco Miguel”) e Xavier Correa Corredoira, artista plástico (“O compromiso da arte no S.XX visto dende o compromiso artístico actual”). Presenta Olga Mahía, da ARMH. Colabora a A.C. Súarez Picallo.
• 16 de setembro, ás 19 horas, no Ateneo Ferrolán. Relator: Miguel Anxo Fernán-Vello, escritor e editor (“Francisco Miguel, vida, arte e crime”). Presenta Xulio Valcárcel, poeta e crítico de arte. Colabora a Asociación Fuco Buxán.
• 17 de setembro, ás 19 horas, no Museo Fundación Eugenio Granell, de Santiago de Compostela. Relator: Miguel Anxo Fernán-Vello (“Francisco Miguel, vida, arte e crime”). Presenta, David Lozano.
• 18 de setembro, ás 20 horas, no Museo de artes do gravado á estampa dixital, de Artes (Ribeira). Relator: Carlos L. Bernárdez, historiador e crítico de arte (“Francisco Miguel e a necesaria recuperación da memoria artística de Galicia”). Presenta Xoan Pastor Rodríguez, director do museo.
• 19 de setembro, ás 19.30 horas, na Casa da Cultura de Pontedeume. Relator: Xavier Correa Corredoira (“O compromiso da arte no S.XX visto dende o compromiso artístico actual”). Colabora o Ateneo Fernán Martíns, de Pontedeume. Presenta Olga Mahía.
• 22 de setembro, ás 19 horas, na Biblioteca Municipal Forum Metropolitano, da Coruña. Relatora: a investigadora Carmela Galego (“Francisco Miguel na articulación dunha modernidade galega truncada”). Colabora a Asociación veciñal Oza-Gaiteira-Os Castros, da Coruña. Presenta David Lozano.
• 25 de setembro, ás 19 horas, no Centro Social de Boiro. Relator: Serxio Castro, da ARMH, arqueólogo xefe da exhumación (“O traballo para a recuperación dos corpos de Francisco Miguel e os tres represaliados na foxa de Bértoa (Carballo) pola ARMH”. Presenta David Lozano. Colabora a Asociación Memoria Histórica de Barbanza.
• 26 de setembro, ás 11 horas, na Escola de Arte e Superior de Deseño Pablo Picasso, da Coruña. Relatores: Jorge Calle, profesor de Arte (“As vangardas artísticas na obra dun galego: Francisco Miguel”) e Xavier Correa Corredoira (“O compromiso da arte no S.XX visto dende o compromiso artístico actual”). Presenta Carmen García-Rodeja.
• 30 de setembro, ás 19.30 horas, no Pazo das Torres, de Oleiros. Relatores: Jorge Calle (“As vangardas artísticas na obra dun galego: Francisco Miguel”) e David Lozano (“Voltar do esquecemento: Á procura de Francisco Miguel”). Participa tamén Regina de Miguel Gila. Presenta Carmen García-Rodeja. Colabora o Concello de Oleiros.
• 1 de outubro, ás 19.30 horas, nas Escolas do Xardín Agra de Caldas, de Carballo. Presentación dos “Diarios” de Syra Alonso; con Carmela Galego e con Regina de Miguel Gila. Colabora o Concello de Carballo.
• 3 de outubro, ás 19.30 horas, na Asociación Cultural Alexandre Bóveda, da Coruña. Presentación dos “Diarios” de Syra Alonso; con Carmela Galego e con David Lozano. Colabora a Asociación Cultural Alexandre Bóveda.
• 14 de outubro, ás 19.30 horas, no Museo de Belas Artes da Coruña. Relator: Conrado Arranz, investigador especializado en Syra Alonso (“Syra Alonso y los caminos ‘íntimos’ de la escritura del exilio español en México”). Presenta Carme Vidal.
• 14 de outubro, ás 19.30 horas, na Casa do Pescador, de Malpica. Olga Mahía e Carmen García-Rodeja presentan os “Diarios” de Syra Alonso. Colabora a Confraría de pescadores de Malpica.
• 15 de outubro, ás 19.30 horas, na Casa da Cultura de Carral. Inmaculada Otero, docente e crítica literaria, e Carmen García-Rodeja presentan os “Diarios” de Syra Alonso. Colabora a Asociación Cultural Cultura Aberta, de Carral.
• 20 de outubro, ás 19 horas, na Biblioteca Central María Pita, de Cambre. Inmaculada Otero presenta os “Diarios” de Syra Alonso.
Outras actividades
Co gallo da entrega á familia dos restos de Francisco Miguel, que serán soterrados o 29 de setembro no cemiterio coruñés de Santo Amaro, a área de Dereitos Civís colabora na colocación da lápida funeraria en lembranza do pintor.
O departamento que dirixe Agra deseñará ademais, en formato dixital e tamén para a impresión en papel, tres rutas polas localidades da Coruña, Oleiros e Carballo sobre a figura de Francisco Miguel e de Syra Alonso; rutas que recolleran o lugar onde naceron, onde viviron os seus mellores anos ‒na que eles chamaban “a casa da felicidade”‒ e onde asasinaron o pintor.
O programa inclúe unha presentación, en dixital e impresa, sobre a vida e obra de Francisco Miguel, para a súa difusión e distribución en centros educativos e entidades sen ánimo de lucro, centros socio culturais públicos e outras asociacións.