A fin de semana do 12, 13 e 14 de setembro, ADEGA continuará coas accións de xestión e control de especies exóticas invasoras nos espazos custodiados no marco do Proxecto Fluviatilis: custodia para a resiliencia.
A Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza (ADEGA) convoca unha nova actividade de voluntariado ambiental para a eliminación de especies exóticas invasoras no río Tea, ao seu paso polo concello de Mondariz.
Esta xornada terá lugar a fin de semana do 12, 13 e 14 de setembro e para inscribirse nela é necesario cubrir o formulario dispoñible na páxina web de www.adega.gal. O voluntariado terá cubertos os gastos de aloxamento no Albergue Alentea e manutención, contará con seguro de accidentes e disporá das ferramentas necesarias.
Con esta nova actividade, ADEGA continúa, no marco do Proxecto Fluviatilis, coas actividades de xestión e control de flora exótica invasora co obxectivo de dar a coñecer as problemáticas ambientais que ameazan os ecosistemas fluviais, facilitar a participación cidadá na súa xestión, e fomentar actitudes e comportamentos que redunden nunha mellora dos ríos.
O LIC Río Tea é, en concreto, unha das zonas de actuación propostas por ADEGA para a realización destas accións mediante xornadas de voluntariado. Alí continuarase cos traballos de eliminación das especies Acacia dealbata, Acacia melanoxylon, Phyllostachys spp., Phytolacca americana, Robinia pseudoacacia e Crocosmia x crocosmiiflora nun espazo de elevado valor ecolóxico.
A actividade estará encamiñada tamén a seleccionar metodoloxías de eliminación de EEI adecuadas que permitan abordar futuras actuacións de restauración fluvial e implementación de solucións baseadas na natureza con éxito.
As actividades, tanto de xestión e control de EEI como de educación, sensibilización e voluntariado ambiental, dirixidas a diferentes públicos son unha das propostas do Proxecto Fluviatilis, que conta co apoio da Fundación Biodiversidade do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico (MITECO) no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia (PRTR), financiado pola Unión Europea – NextGenerationEU.
A actividade de voluntariado terá o seguinte programa e contidos:
VENRES 12 SETEMBRO
18:00h Recepción do voluntariado no Albergue Alentea
19:00h Formación sobre a problemática das especies invasoras: «Xestión ambiental das EEI en espazos fluviais: liñas de actuación e mecanismos de control»
21:00h Cea
22:00h Tempo de lecer
SÁBADO 13 SETEMBRO
9.00h Almorzo
10.30-13.30h Traballos de eliminación
14.00- 15.30h Xantar de campo e descanso
15.30-18.00h Continuación dos traballos de eliminación e regreso ao albergue
21.00h Cea
22.00h Tempo de lecer
DOMINGO 14 SETEMBRO
10.00h Almorzo
11.00 Posta en común e avaliación dos traballos realizados
14.00h Xantar de campo
15.00h Roteiro polo río Alén
18.00h Despedida e clausura do campo de voluntariado