Ana Miranda acusa a Von der Leyen de ser “a señora da guerra”, cómplice do xenocidio en Gaza e servil aos USA

A eurodeputada do BNG critica o descoñecemento da presidenta da Comisión Europea da realidade dos pobos europeos, como os graves incendios en Galiza.

A respecto do debate do Parlamento Europeo sobre o estado da Unión, a eurodeputada do BNG, Ana Miranda, acusa á  presidenta da Comisión Europea, Ursula von der Leyen, de ser “a señora da guerra”, cómplice do xenocidio en Gaza e converter a Unión Europea “nun aparato burocrático e militar”, alleo ás necesidades reais da cidadanía, e centrado no seu servilismo “aos intereses dos Estados Unidos”.

Miranda denunciou que, baixo a presidencia de Von der Leyen, a Unión Europea “transformouse nunha peza dunha engrenaxe militar que non responde á vontade dos pobos”. Neste sentido, puxo como exemplo a complicidade da Comisión co goberno de Israel diante do “xenocidio contra o pobo palestino en Gaza”, o cal, ao seu xuízo “mancha a credibilidade moral da UE”.

A eurodeputada galega acusou á presidenta da Comisión Europea de condicionar os fondos de cohesión, —inicialmente creados para reducir as desigualdades sociais e territoriais— ás prioridades militaristas, ignorando así “as necesidades máis urxentes da cidadanía europea”. Neste sentido, Miranda sinala que a políticade Von der Leyen ignora os problemas centrais da cidadanía, como a falta de vivenda accesible ou a precariedade laboral, mentres se desvían recursos para alimentar a guerra en lugar de investir en cohesión social, educación, sanidade e benestar.

Galiza tratada como colonia

Ademais Ana Miranda denunciou que a Unión Europea “trata Galiza como unha colonia”, espoliando os recursos naturais, impoñendo decisións drásticas sobre sectores produtivos como o mar, a agricultura e a industria, e negando o recoñecemento da lingua propia e das competencias nacionais e incluso descoñecendo que os graves incendios sufridos este verán se produciron enGaliza.

Por outro lado, a eurodeputada do BNG critica que a presidenta galega falara na súa intervención dos medios de comunicación, cando en Galiza, os medios públicos están sometidos á manipulación do PP e utilizados como instrumento de propaganda en vez de ser un servizo público plural”. Ante isto, criticou que a Comisión Europea “mire cara a outro lado e non actúe para garantir a pluralidade informativa e a liberdade de expresión”.

“Queremos unha Europa dos pobos, con xustiza social, democracia real e respecto ás identidades nacionais. Non unha Europa sometida a intereses militares ou corporativos, senón unha que sirva ao ben común”, concluíu a eurodeputada do BNG.

Comparte éste artículo
No hay comentarios