O Bloque Nacionalista Galego, a través da deputada Olalla Rodil, denuncia o «caos» no inicio do curso académico en numerosos centros educativos da provincia de Lugo. A formación nacionalista critica a falta de planificación e a política de recortes da Xunta de Galicia, que provoca que moitos colexios arranquen con obras sen rematar, carencias de persoal e unha grave discriminación para o alumnado do rural.
«É intolerábel que a Xunta non fose quen de planificar unhas obras necesarias, e que agora sexan os nenos e nenas os que teñan que sufrir as consecuencias, convivindo con ruídos, po e espazos improvisados», subliñou Rodil. En Lugo capital, sinalou como exemplos os centros das Mercedes e o Lucus Augusti, que inician as clases en medio de reformas inacabadas.
Discriminación e recortes no rural
A situación máis grave, segundo o BNG, prodúcese no rural. A deputada Olalla Rodil denuncia que a Xunta está a «condenar ás crianzas do rural a unha educación de segunda», en especial nos colexios do Páramo e Portomarín, onde se decidiu agrupar alumnado de distintos ciclos, idades e niveis formativos en apenas dúas aulas.
«Non hai ningún criterio pedagóxico que avale mesturar nunha mesma aula a alumnado de ciclos formativos diferentes. Esta decisión só responde á lóxica dos recortes e á falta de compromiso coa educación pública e co rural», explicou Rodil, quen tamén fixo referencia ás carencias de recursos materiais e humanos no CEIP Avelino Díaz de Meira e noutros centros rurais.
O BNG reclama que a Xunta dote a todos os centros dos recursos necesarios para garantir a igualdade de oportunidades e unha educación pública de calidade. «A Xunta leva anos esquecendo o rural, cando o que se precisa é xusto o contrario: máis investimento, máis profesorado e máis recursos», engadiu a deputada.
Demanda de rectificación inmediata
Olalla Rodil instou á Consellería de Educación a rectificar de inmediato estas decisións, acelerar as obras pendentes e abrir un diálogo serio coa comunidade educativa. «A educación pública galega precisa planificación, investimento e respecto, non improvisacións que prexudican ás crianzas, ás familias e ao profesorado», concluíu a deputada.