A campaña chega ao Museo do Mar de Laxe o 12 de setembro (19 horas) cunha charla na que o público aprenderá a empregar a aplicación Galicia Nomeada para rexistrar e xeolocalizar nomes de leiras, montes ou petóns.
A campaña Toponimízate. Falámosche dos nomes da túa terra chega este venres 12 de setembro a Laxe cunha charla na que aveciñanza aprenderá a rexistrar coa aplicación Galicia Nomeada nomes propios que designan os seus montes e leiras, e tamén microtopónimos da costa e do mar que distinguen cons, petóns, limpos ou cantís. A cita convoca no Museo do Mar, a partir das 19:00 horas, todas as persoas interesadas na toponimia local e que queiran sumarse ao proxecto colaborativo que promoven a Real Academia Galega e a Xunta de Galicia para a recolla e xeolocalización destes nomes tradicionais que corren o risco de se perder.
O alcalde de Laxe, Francisco Charlín, e a concelleira de Cultura, Raquel Lema Allopresentarán a sesión, na que o coordinador de Galicia Nomeada e da Unidade Técnica de Toponimia da RAG, Vicente Feijoo Ares, explicaralle ao público como empregar Galicia Nomeada desde o teléfono móbil ou un ordenador. O filólogo afondará ademais na orixe e no significado de nomes de lugar de Laxe como Soesto, Agravil, Conlle ou Aprazaduiro, únicos en toda Galicia. Esta información elabórase coa colaboración do académico de número e profesor da Universidade de Vigo Gonzalo Navaza.
A Real Academia Galega e a Secretaría Xeral da Lingua agardan que este encontro anime a participación da veciñanza de Laxe no proxecto Galicia Nomeada, que ata o momento só achegou 119 microtopónimos do seu territorio, así como nos demais concellos da Costa da Morte, unha zona do país que no seu día non foi obxecto da recolla toponímica exhaustiva que se realizou a través do Proxecto Toponimia de Galicia (PTG), activo entre 2000 e 2011.
Oito citas máis ata final de ano
Tras esta cita en Laxe, Toponimízate fará parada tamén ata finais de ano en Chantada, o venres 19 de setembro (20 h) no Auditorio Municipal; Melón, o venres 26 de setembro(20 h) na Casa do Concello; A Estrada, o xoves, 2 de outubro (19 h) na Casa das Letras – Biblioteca Municipal; Cervantes, o luns 6 de outubro (12 h) no CPI de Cervantes; Baralla, tamén o luns 6 de outubro (19 h) no Centro Sociocultural de Baralla; Mondariz Balneario, o venres 17 de outubro (19:30 h) na Sala de Cultura da Casa do Concello; Dozón, o venres 24 de outubro, (17 h) no Centro Sociocultural do Castro; e Val do Dubra, o xoves 6 de novembro (20:30 h) no Auditorio Municipal.