nacionalistas trasladan a petición das familias e propoñen que se leve a cabo nunha franxa horaria cómoda, como podería ser de 18:00 a 20:00 horas.
O BNG de Muxía vén de trasladar a demanda das familias para que se implante un horario axeitado sen ruído para todos os días da festa da Barca, e propoñen unha franxa horaria de 18:00 a 20:00 horas. “Pensamos que sería un horario cómodo para que os familiares poidan levar ás atraccións ás crianzas con diversidade funcional ou hipersensibilidade estimular”, sinalaron os nacionalistas, logo de ter coñecemento “que a intención dos organizadores é de estabelecer un só día sen ruído, o sábado 13, nun horario de 16:00 a 18:00 horas; cremos que esta franxa horaria non é a máis axeitada, pois a esas horas, en días de festa, a xente aínda está comendo ou rematando de facelo”.
O BNG explicou que a asociación Paseniño e a plataforma Reiseñores, que traballan en inclusión social, así como algunhas familias, están a demandar que a festa debe de ser para todo o mundo. “Para conseguir este obxectivo sería aconsellable que nas Festas da Barca se implantara unha medida que permitira a estas familias ter un período de descanso sensorial e mesmo acudir ás atraccións”, subliñou.
A formación nacionalista lembrou que “as persoas con diversidade funcional ou hipersensibilidade estimular, como as que padecen algunha alteración do espectro autista, sofren durante as festas aumentos da dor, irritabilidade, ansiedade e mesmo angustia por mor do ruído excesivo; este fenómeno pode ser máis acusado no caso dos menores de idade”.
A voceira municipal do BNG, Mercé Barrientos, sinalou que esta iniciativa xa se levou a cabo con éxito nas festas dos concellos de Cee, Corcubión ou Fisterra, e non ten custe económico. “Mesmo pode facilitar que as familias acudan con tranquilidade ás atraccións e postos ao proporcionarlles un pequeno período de relaxación sensorial”, afirmou a portavoz nacionalista, que incidiu en que “as asociacións comentan que, de feito, o resto das familias tamén adoitan agradecer que se leve a cabo este horario sen ruído durante un par de horas ao día”.
Barrientos trasladou que “sería esencial a colaboración do concello coa Comisión de Festas para garantir o cumprimento desta medida que aposta pola inclusión e a festa para todos e todas”.