UCIN Galicia esixe á Xunta un plan urxente contra a devastación dos lumes

UCIN Galicia lanza unha grave advertencia sobre a devastadora inacción da Xunta: os espazos naturais queimados están sendo abandonados á súa sorte. O coordinador de UCIN Galicia, José Luis Calo, subliña a necesidade urxente e inaprazable de activar medidas efectivas para previr a erosión e rexenerar a biodiversidade nos ecosistemas afectados, cuxo valor ecolóxico é incalculable.

A situación é aínda máis alarmante porque, a día de hoxe, a Xunta non activou ningunha liña específica de axudas para mitigar os efectos dos lumes en hábitats de alto valor ecolóxico. As poucas medidas anunciadas céntranse de forma case exclusiva en cuestións cinexéticas, obviando por completo a urxente necesidade de reforestación con especies autóctonas e o apoio ás comunidades locais para a xestión integral do seu territorio.

UCIN Galicia considera especialmente grave que, despois de anos de incendios recorrentes e impactos ambientais acumulados, a administración autonómica faga oídos xordos ás demandas da sociedade civil, dos colectivos ecoloxistas e das organizacións locais. Esta inacción é tan preocupante como os propios incendios.

Comparte éste artículo
No hay comentarios