O BNG pide á Xunta que incorpore rutas diarias de autobuses directas e rápidas que conecten Muxía con Santiago e A Coruña

Iniciativa parlamentaria do deputado Oscar Insua, que afirma que “é unha proposta para mellorar as conexións do transporte público de Muxía, e esperamos que o PP a apoie, e lle esixa tamén á Xunta de Galiza mellorar as conexións coas cidades.

O deputado do BNG pola Costa da Morte, Oscar Insua, vén de rexistrar no Parlamento galego varias iniciativas nas que demanda á Xunta de Galiza que incorpore na rede de transporte público unha ruta de autobús diaria de ida e volta directa entre Muxía con Santiago de Compostela e A Coruña, cunha duración non superior á hora e media. 

Desde o BNG sinalaron que “as rutas e horarios publicadas polas empresas adxudicatarias – Monbús e Arriva -, para levar a cabo ditos traxectos, están moi lonxe do que os veciños e veciñas da comarca demandan, que non é outra cousa que polo menos a existencia de rutas diarias e máis directas ás citadas cidades. 

Os nacionalistas explicaron que o traxecto entre Muxía e A Coruña foi adxudicado á empresa Arriva, e só ofrece unha viaxe de 32 paradas de luns a venres ás seis da mañá, e outra de volta ás 15:00 horas con máis de 30 paradas que duran entre dúas horas e dúas horas e media; unha viaxe que percorre Camariñas, Laxe, Ponteceso e chega ata Buño. Os sábados, este único traxecto chega a ir ata Malpica, ten 47 paradas e dura tres horas a viaxe, “converténdose nun auténtico tour turístico”. No caso dos domingos, só ofrecen dúas viaxes de ida e dúas de volta, pero cos mesmos itinerarios e paradas que os sábados.

No caso da conexión entre Muxía e Santiago, que foi adxudicado á empresa Monbús, o BNG subliña que existen tres viaxes de luns a domingo, dúas delas duran 1 hora e 45 minutos, con máis de 30 paradas; e a outra 3 horas, dado que antes de dirixirse a Santiago pasa por Fisterra.

Oscar Insua manifestou que “se a oferta de transporte público non é boa, a xente acaba utilizando o vehículo particular; outros optan directamente por asentarse nas cidades, porque teñen mellores servizos”.

O parlamentario nacionalista sinalou que “se queremos frear o despoboamento da Costa da Morte, debemos apostar por melloralos e sen dúbida ter mellores comunicacións; o PP debe mudar as políticas do transporte público, apostar por el, e favorecer as demandas dos usuarios de Muxía, que non queren facer tours turísticos cada vez que teñen que ir á Coruña ou Santiago”.

Comparte éste artículo
No hay comentarios