Quedamos máis tranquilos, Sr. Presidente cando nos di “…máis do 60% do que ardeu eran mato, monte baixo. Tamén había unha parte importante, que vemos cando ciculamos desde as estradas, de pedras, que tamén computan na superficie” e de que só “o 0,2% da superficie ardida en agosto estivera ocupada por eucaliptos”.
Quedamos máis tranquilos … ou non, que diría un ex-Presidente ben coñecido seu.
Non foi para tanto … total uns penedos e monte baixo que parece non valen para nada, menos mal que só un 0,2% do queimado tiña eucaliptos!
Sempre se pensou que os penedos non ardían pero seica computan como superficie queimada, … haberá que descontalos da superficie queimada ou non contabilizalos a ver si así cumprimos obxectivos.
Sempre se pensou que os penedos non ardían pero agora seica se confabularon para levar o lume por predios abandonados, soutos, viñedos, carballeiras, pasteiros e piñeirais, … será que temos o monte abandonado ou que abandonamos o monte?
Sempre se pensou que os penedos non ardían, pero agora espallaron o lume por quilómetros e quilómetros dun monte inzado de pistas, cortalumes, estradas, autoestradas, liñas de ferrocarril, vías de servicio, ríos e regatos, … será polo exceso da ‘maldita maleza’, esa que parece non vale para nada?
Sempre se pensou que os penedos non ardían pero agora deixaron que as lapas acadasen os pobos, … será porque o goberno central non enviou ‘medios’ ou porque a Xunta non tiña ‘enteiros’ os seus?
Sempre se pensou que os penedos non ardían pero agora arderon, … será que os incendios de agora son de sexta xeración?
Quedemos máis tranquilos Sr. Presidente … mentres moitas persoas sufriron e sufrirán danos e perdas irreparables, mentres as economías locais quedan temblando con perdas millonarias, mentres se calcinaron algúns espazos senlleiros e mentres as perdas para a biodiversidade (si, tamén existe biodiversidade máis aló das especies cinexéticas) son incuantificables e de difícil recuperación.
A próxima non tardará, si nada cambiamos pero … quedamos máis tranquilos …, ou non, que diría un ex-Presidente ben coñecido seu.
Fotografía: Incendio en Chandrexa de Queixa, iniciado na parroquia de Parafita, Ourense. Constitúe unha área protexida con cualificación de Zona Especial de Conservación (ZEC) integrante da Rede Natura 2000. Trátase dunha das zonas máis despoboadas de Galicia. @