E artista Antía Carreira leva semanas investigando a relación ancestral dos mananciais co sacro e a súa vinculación coa calidade hídrica das canalizacións no actual rural lucense, desde imaxes macro ás imaxes micro que revelan “outros mundos que están en este”.
O espazo de creación, investigación e producción artística Leira acolle o venres 3 de outubro ás 19h a inauguración que amosa o resultado da residencia artística que Antía Carreira leva realizando dende o inicio do mes de septembro, como punto final dunha serie de accións e obradoiros que foron tendo lugar durante as últimas semanas na cidade de Lugo.
Accións: Proxección de Pupa (Filme premiado no Festival Internacional de Cinema Curtocircuito) o 16/09 ás 19:30h e Excursión ao Monte Segade e obradoiro audiovisual con microscopios (con inscrición) o 20/09 ás 11h. A exposición estará aberta ata finais de novembro mediante visitas guiadas os días 17 e 31 de outubro e o 14 de novembro, e mediante cita previa en leirahaus@gmail.com.
Extracto do texto de sala:
Da traída é un proxecto que parte da observación dos petroglifos da zona de Adai (Lugo), especialmente daqueles que amosan formas de coviñas, para explorar a relación ancestral entre a auga, os rituais e o territorio. Estas marcas na pedra, datadas hai arredor de 4.000 anos, repítense en Galicia en lugares elevados, visibles ou próximos a fontes e mananciais. A súa función hipotética está ligada á sinalización de zonas con augas beneficiosas para o consumo, pero tamén a un uso simbólico e ritual, asociado á curación, á fertilidade e ao diálogo co sagrado. Ao encherse coa chuvia, as coviñas convértense en pequenos receptáculos onde auga se acumula para un uso cerimonial. Nesta zona no que a vida humana e non humana, aínda dependen do abastecemento destes mananciais, o proxecto contrasta a antiga dimensión sagrada da auga co seu uso cotián actual e a presenza da contaminación e coa calidade hídrica das canalizacións no actual rural lucense.
Sobre a artista:
Antía Carreira (Lugo, 95) é cineasta, artista visual e activista. Constrúe a través do arquivo, establece unha conversa activa coa memoria propia e allea. As súas creacións oscilan entre o documental, a videoarte e a instalación. Destaca tamén o seu traballo de xestión cultural e organización de eventos, desde a colectividade, a creación de redes e a experimentación.
Sobre Visión Periférica e o ciclo:
Visión Periférica é o programa de residencias artísticas do espazo de investigación, creación artística e produción cultural contemporánea Leira Haus para 2025.
No ciclo Corzas, penas e transparentes, Leira busca rescatar esas mitoloxías que permaneceron no limiar, reclamando novas formas de ser miradas, narradas e encarnadas.
Visión periférica: rede local de exploración contravisual, á súa vez é o xerme dun dispositivo autónomo, unha rede de investigación e creación artística que propón un marco crítico para repensar a construción de imaxinarios territoriais desprazando as visualidades hexemónicas sobre o territorio e as súas existencias, a través das tecnoloxías, o videoarte e as prácticas artísticas colaborativas situadas. Unha mirada desviada aos centros mediales e dixitais, e ao seu confinamento exclusivo aos grandes polos da cultura.