San Vicente de Leira: Besteiro garante que “non imos permitir que ninguén quede atrás”

O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, regresou este mediodía San Vicente de Leira, no concello de Vilamartín de Valdeorras, a zona cero do peor incendio en Galicia en décadas, no que arderon decenas de vivendas. Alí, acompañado de veciños e cargos socialistas, reiterou o seu compromiso coa veciñanza afectada e esixiu á Xunta unha resposta inmediata, ordenada e cunha dotación orzamentaria suficiente.

“Volvemos aquí para cumprir o compromiso coa súa xente. Iniciamos un plan de accións en todas as zonas afectadas de Galicia, hoxe aquí, axudando a tramitar as axudas, porque cada día conta e porque ninguén pode quedar atrás”, sinalou.

Besteiro acusou á Xunta de improvisación e de falla de previsión: “O grave é que seguimos sen saber cantos cartos vai aportar a Xunta. Non houbo prevención, non houbo coordinación. Agora tampouco hai planificación orzamentaria”.

Ademais, advertiu de que os socialistas están a esixir que as axudas cheguen a todo o mundo: “Van recibir axudas todas as persoas e todos os sectores afectados? Iso é o que estamos a esixir e o que estamos a falar hoxe”.

Respecto á actuación durante os días do lume, lembrou a situación límite que viviron os veciños pola falla de infraestruturas: “O que vivimos aquí en San Vicente foi a zona cero porque colapsou todo, non? E colapsaron cousas que durante anos se dicía que ían colapsar. A falla desa vía de comunicación que tivo que abrir o alcalde en colaboración cos veciños foi a única saída posible da trampa na que se viron todos”.

Sobre as declaracións da alcaldesa de Carballeda de Valdeorras, Carmen González, Besteiro foi contundente: “Paréceme un comportamento inaceptable… hai que reprochar claramente esas declaracións que rompen coa aposta pola dignidade e pola comprensión dos problemas que tiveron os veciños durante os tráxicos incidentes”.

O líder socialista defendeu que as axudas deben ter un enfoque de recuperación integral e non só compensatorio: “As indemnizacións deben servir para recuperar o patrimonio e non simplemente para indemnizar os danos. Recuperar o medio rural tamén implica que esas axudas sirvan para que a xente viva aquí”.

Finalmente, reclamou un cambio profundo na política forestal e de prevención de incendios: “A Xunta e o Partido Popular miraron para outro lado. Non souberon previr, nin planificar a extinción, e agora tampouco son capaces de planificar as axudas dunha forma ordenada. Levan 17 anos gobernando e non mudaron a política. Nós apostamos por que todas as administracións colaboren: a Xunta, o Estado, as deputacións e os concellos. Porque do que se trata é de recuperar o noso patrimonio e a vida da xente aquí”.

Comparte éste artículo
No hay comentarios