A Deputación de Ourense e a Asociación Provincial de Taxis actualizan as súas liñas de colaboración

Reunión Luis Menor (Presidente da Deputación Ourense) con Francisco Álvarez Pérez (Presidente da Asociación de Taxistas de Ourense).

Luis Menor recibiu ao presidente deste colectivo, Francisco Javier Álvarez, que aglutina ao 90% do sector de toda a provincia.

O presidente da Deputación, Luis Menor, mantivo unha reunión de traballo no Pazo Provincial con Francisco Javier Álvarez, presidente da Asociación Provincial de Taxis, colectivo que engloba ao 90% destes profesionais con licencia na provincia, dos que practicamente a metade se atopan na capital.

Ambos analizaron a situación do sector, así como os retos aos que se enfronta, as súas ameazas, e tamén as oportunidades, entre as que destaca a mobilidade ligada ao AVE coa cidade como referencia. Así, Menor e Álvarez tamén puxeron sobre a mesa as posibilidades de colaboración entre a Deputación a Asociación Provincial de Taxis, “e por iso manteremos un diálogo continuo para abordar as súas necesidades e actualizar as posibilidades de cooperación”, recalcou Luis Menor, quen lembrou tamén que o sector do taxi englobado neste colectivo representa  a máis de 200 familias. 

O presidente da Deputación quixo poñer en valor a importancia dun servizo público como o do taxi en todos os seus ámbitos, “pero moi especialmente no rural, onde moitas veces é o único medio para garantir a mobilidade para determinadas persoas”. 

Comparte éste artículo
No hay comentarios