As Torres do Allo superan as cifras de visitantes da súa serie histórica

O Pazo máis antigo de Galicia supera os 6.400 visitantes na tempada alta estival e xa bate as cifras de to – do o ano 2024.

As Torres do Allo pechan a súa temporada alta de verán, que se estendeu do 15 de xuño ao 15 de setembro, con cifras de visitantes sen precedentes. O pazo máis antigo de Galicia rexistrou un total de 6.488 persoas neste período e 8.156 ao longo de todo o ano, superando xa o total de 8.001 visitantes de todo o 2024.

Unha oferta de actividades variada e para todos os públicos

O éxito destas cifras débese, en gran medida, á completa e variada oferta cultural e de ocio promovida polo Concello de Zas e a Deputación da Coruña. A programación incluíu concertos, obradoiros, espectáculos de monicreques, visitas teatralizadas, un escape room, xogos de pistas e un campamento infantil, pensados para atraer tanto a público familiar coma a visitantes individuais.

Entre as actividades máis destacadas do verán atopamos:

Mercado de Artesanía do San Ramón: A edición deste ano, celebrada o 31 de agosto, foi a máis concorrida da historia, con 297 participantes. Como novidade, os postos de artesanía trasladáronse ao interior do pazo, e o evento contou coas actuacións do dúo de música tradicional Unto Vello e de Ce Orquestra Pantasma.

Visitas teatralizadas: Acompañía Os Quinquilláns encheu as tardes dos domingos, atraendo un total de 240 persoas.

Escape Room «As sombras do tempo«: O novo xogo de lóxica e aventura recibiu unha excelente acollida, con 106 participantes.

Un perfil de visitante local e familiar

análise da procedencia dos visitantes durante a temporada estival revela un forte arraigamento local e galego, pero tamén un crecente interese a nivel estatal:

Público local: O33% dos visitantes procedían do propio concello de zas ,e outro 16% do resto da Costa da Morte, o que demostra a conexión da veciñanza co pazo.

Público Galego: O15% restante proviña doutras zonas de Galicia.

Público estatal: Cun 33% do total, a afluencia de visitantes de fóra de Galicia experimentou un incremento significativo.

Público estranxeiro: O3% dos visitantes eran de procedencia internacional.

En canto ás idades, o perfil dos asistentes é claramente familiar, coas franxas de idade entre os 5 e os 15 anos (41%) e entre os 30 e os 65 anos (38%) como as máis representativas.

O Pazo das Torres do Allo no outono

Aínda que a tempada alta de verán rematou, o pazo continuará aberto ao público todos os sábados, domingos e festivos de 11:00 a 19:00 h. A entrada e todas as actividades son gratuítas.

Os visitantes poderán seguir gozando das visitas guiadas, que se ofrecen ás 13:00 h e ás 17:00 h, e do xogo de pistas «O legado de Francisca, unha viaxe polo pazo», dispoñible durante todo o horario de apertura. Ademais, a exposición temporal «Riobóo, a saga do Allo» continúa á disposición do público, profundando na historia da familia que habitou o pazo durante 500 anos.

Comparte éste artículo
No hay comentarios