Besteiro pide a Rueda coherencia coas autoestradas e reclama a gratuidade total da AP-9

O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, reclamou hoxe dar “o salto definitivo” cara á gratuídade total da AP-9, aproveitando o prazo que vence esta semana en Bruxelas sobre a prórroga da concesión asinada no ano 2000 polo Goberno de Aznar.

“É un momento extraordinario para asumir ese pequeno gran salto ata chegar ao 100% das bonificacións, á gratuidade no noso territorio”, defendeu Besteiro, quen lembrou que foron os gobernos socialistas quen puxeron en marcha o 50% e logo o 75% de desconto.

Ademais, pediu coherencia ao presidente da Xunta, Alfonso Rueda: “Non pode reclamar a transferencia da AP-9 mentres mantén peaxes nas autovías que xa son da súa competencia. Primeiro hai que comprometerse coa gratuidade aquí, en Galicia, con todas as autoestradas”.

O novo plan de mobilidade permitiría reducir tarifas

Besteiro enmarcou esta reclamación dentro dunha semana clave tamén para o transporte público, xa que hoxe as comunidades autónomas deben responder ao Goberno central sobre a súa incorporación ao novo plan estatal de mobilidade. Segundo explicou, aceptar o plan permitiría “reducir tarifas, ampliar a mobilidade e mellorar un transporte que falla estrepitosamente en Galicia”.

As vítimas dos incendios, “a prioridade”

Antes de abordar a cuestión da mobilidade, Besteiro enviou unha mensaxe de ánimo aos cinco brigadistas feridos no incendio de Barreiros, que polas últimas novas avanzaba cara a Lourenzá.

O líder socialista explicou que a súa prioridade inmediata é estar coas persoas afectadas pola vaga de lumes. Por iso, acompañou onte ás vítimas en San Vicente de Leira —que definiu como “a zona cero da traxedia”— e subliñou que “era onde tiña que estar onte porque o prioritario é a recuperación”.

Besteiro lembrou que nesta parroquia arderon “cerca de 120 vivendas e 90 inmobles” e denunciou que a situación é “un exemplo claro dunha mala planificación forestal” e tamén dos problemas de comunicación e telecomunicacións derivados da desidia dos últimos 16 anos: “En definitiva, é un exemplo claro do abandono do rural por parte do Partido Popular”.

Por último, pediu que a traxedia non caia no esquecemento: “Que o fuxir das novas non nos leve a esquecernos dentro dun mes ou dous desta situación. Que non cese esa mirada ao rural, porque todo nos debe levar a reflexionar sobre ese abandono”.

Etiquetas
Comparte éste artículo
No hay comentarios