Néstor Rego defende a ría de Arousa frente ás verteduras de dragados: “Non imos permitir que a convertan nun vertedoiro”

O BNG reclama unha planificación ambiental rigorosa, baseada na protección dos recursos naturais, a participación do sector e o cumprimento estrito dos acordos.

O Bloque Nacionalista Galego vén de rexistrar iniciativas nas Cortes do Estado para reclamar ao Goberno do Estado que rexeite calquera posibilidade de utilizar as rías galegas, e en particular a Ría de Arousa, como punto de depósito de materiais procedentes de dragados portuarios. A proposta do BNG, segundo explica o deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, reclama ademais a clausura definitiva do punto de vertedura situado nas proximidades da Illa de Sálvora, así como a realización de estudos ambientais que permitan avaliar o impacto ecolóxico e económico deste tipo de prácticas sobre un ecosistema de alto valor.

Un punto de vertedura sen control nin aval ambiental

O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, denuncia que «a escolla deste punto de vertedura non se fixo con criterios ambientais nin con participación pública, senón que responde a unha política de feitos consumados que ignora tanto a riqueza natural da zona como os intereses do sector pesqueiro e marisqueiro».

A iniciativa nacionalista lembra que no ano 1998 o Ministerio de Fomento habilitou este punto de vertedura sen realizar exposición pública nin contar con informes ambientais accesíbeis, a pesar de que se sitúa dentro dunha Zona de Especial Protección para as Aves (ZEPA), a menos de dúas millas da Illa de Sálvora —parte do Parque Nacional das Illas Atlánticas— e moi perto de caladoiros tradicionais.

«A pesar da súa evidente importancia ecolóxica e económica, ese punto foi utilizado durante anos por Portos do Estado e por Portos da Galiza sen estudos rigorosos nin seguimento dos efectos a medio e longo prazo. Falamos de millóns de metros cúbicos de lodos depositados no fondo mariño sen que se coñezan os seus impactos reais» alerta Néstor Rego.

Rego: “Non queremos un vertedoiro na Ría de Arousa”

“O primeiro que demandamos é que o Goberno do Estado rexeite de maneira clara e rotunda que as rías galegas, e moi especialmente a ría de Arousa, poidan ser empregadas como puntos de depósito de materiais procedentes de dragados portuarios. É absolutamente inadmisíbel que se pretenda converter espazos de alto valor ecolóxico e produtivo en vertedoiros mariños” sinala Rego.

“Tamén exiximos que se denegue, ou se cancele, calquera autorización para empregar a zona próxima á Illa de Sálvora como punto de vertido. Non só é necesario paralizar definitivamente as verteduras nesta área, senón proceder á súa clausura efectiva como punto de depósito” subliña.

“É imprescindíbel realizar un estudo específico e independente sobre a situación actual dese depósito, sobre o impacto ambiental que pode estar a causar nunha zona de enorme valor ecolóxico, pesqueiro e ambiental. Falamos dun espazo dentro dunha ZEPA, no entorno do Parque Nacional das Illas Atlánticas e preto de importantes caladoiros de pesca” engade o deputado nacionalista.

E, por suposto, evidencia o deputado do BNG no Congreso, cómpre unha avaliación detallada dos impactos que estes sedimentos e lodos poden ter causado sobre os recursos pesqueiros e marisqueiros da zona. O sector leva anos alertando das consecuencias e é hora de escoitalo con rigor e actuar en consecuencia” subliña Rego.

Na súa iniciativa, o BNG advirte tamén sobre a proposta do Centro de Estudos e Experimentación de Obras Públicas (CEDEX), dependente dos ministerios de Transportes e Transición Ecolóxica, que propón de novo como “prioritario” o mesmo punto de vertedura en Sálvora para os residuos da dragaxe do Lérez, que fora rexeitado en 2021 e que o sector pesqueiro vetara con contundencia xa en 2019.

«Non só nos preocupa que se poidan realizar novos vertidos nese punto, senón tamén que o depósito xa existente se manteña sen control nin seguimento. Non podemos consentir que un dos ecosistemas mariños máis ricos da península se converta nun vertedoiro subacuático» remata Rego.

Comparte éste artículo
No hay comentarios