O BNG reclama á Xunta que atenda as demandas das familias para os centros escolares da Costa da Morte

O deputado Oscar Insua, que se reuniu xunto co edil Serxio Domínguez cos pais e nais do CEIP Vila de Cee e IES Agra de Raíces, presenta iniciativas que recollen as peticións de máis persoal especializado para crianzas con necesidades especiais, e non entende como ano tras ano “o PP segue escatimando recursos na educación pública, parece un divertimento”.

O BNG da Costa da Morte, da man do deputado Oscar Insua, vén de presentar varias iniciativas no Parlamento galego para reclamar á Xunta de Galiza que atenda ás demandas das familias de Cee e Muxía para incorporar máis docentes especialistas en atención a alumnado con necesidades especiais nos centros escolares da comarca. 

O parlamentario nacionalista solicitou a restitución de maneira inmediata dos postos docentes suprimidos no curso 2025-2026, garantindo o mantemento das condicións dos cursos anteriores, así como a incorporación de máis mestres de apoio e persoal auxiliar coidador naqueles colexios onde sexa necesario debido ao incremento de alumnado con necesidade especiais.

A formación nacionalista indicou que varios centros educativos da bisbarra están a ver como perden recursos humanos esenciais para garantir unha educación de calidade, en maior medida mestres ou mestras de apoio e especialistas de atención á diversidade. “Ou aumenta o profesorado ou acabará diminuíndo a atención individualizada e teremos unha sobrecarga para os equipos docentes. Non entendemos como o PP pode escatimar recursos na educación”, subliñou.

Oscar Insua, xunto co voceiro municipal do BNG de Cee, Serxio Domínguez Louro, trasladaron o seu apoio ás familias que están a sufrir os recortes educativos da Xunta de Galiza no CEIP Plurilingüe “Vila de Cee” e no IES “Agra de Raíces”, logo de reunirse con pais e nais de estudantes para recoller as demandas existentes neste comezo de curso escolar.

Os representantes nacionalistas puideron constatar que no caso do colexio “Vila de Cee”, o alumnado precisa de máis horas á semana de pedagoxía terapéutica (PT), ao igual que nos CEIP Virxe da Barca e CEIP Os Muíños no concello de Muxía, que perderon unha mestra de PT compartida, con respecto ao curso pasado, a pesar de que este ano aumentaron os alumnos con necesidades educativas.

Respecto ao instituto Agra de Raíces de Cee, o BNG salientou que no curso pasado, e nos tres cursos anteriores, o instituto contou con 2 PT’s, 1 coidadora e 1 AL (Audición e Linguaxe) compartida. E sinalou que este ano dito centro ceense comezou o curso cunha soa PT e 1 Auxiliar Técnico Educativo (coidador/a)  para todo o instituto, cando as necesidades se triplicaron, ao aumentar o número de alumnado con NEE e NEAE. “A semana pasada enviaron outra PT, mais o centro precisa de catro mestras de pedagoxía terapéutica para que os programas e proxectos educativos implantados ata o momento sexan viables; os pais e nais deste centro demandan ademais a necesidade de ter alomenos outra coidadora máis”, advertiu o grupo nacionalista.

Oscar Insua manifestou que “o Partido Popular da Xunta non se cansa de repetir todos os anos a mesma historia, parece un xogo no que se divirten recortando profesorado. O que para a Xunta son números, para os pais e nais é unha oportunidade que perden os seus fillos, unha oportunidade na formación que non pode fallar porque pode repercutir moito no futuro dos rapaces, sobre todo dos que teñen necesidades especiais”.

Comparte éste artículo
No hay comentarios