Pleno concello de Marín: El PP explica o voto en contra á moción do BNG sobre a prevención de incendios

Pablo Novas Caballero, Concelleiro de Medio Rural

Cando só se quere facer política e marcar un posicionamento ideoloxizado, todo é sinxelo. Cóllese un argumentario e preséntase como unha fotocopia en calquera concello.

Iso é o que fixo o BNG coa moción traída ao último Pleno, á que desde o Partido Popular votamos en contra. Eles dirán que é por que non nos interesa a xestión do monte. Bueno, pois nada máis lonxe da realidade. Imos explicamo:

Todos os puntos que se recollían na moción están fóra do ámbito competencial dun Concello. Entendemos que é fácil copiar e pegar, porque se de verdade quixesen abordar este tema dun xeito máis local, teríanse interesado, polo menos, no traballo que levamos desenvolvido aquí nestes últimos anos.

No ano 2011, cando chegamos a gobernar, Marín era un Concello sen ningunha planificación neste sentido, nin sequera nos labores de desbroce que son básicos a nivel público, como é limpar as parcelas de monte público. Por suposto, tampouco había ningún plan de prevención de incendios.

Fumos nós, polo tanto, os que elaboramos o primeiro Plan de Desbroces municipal, que lle permite saber a todos os veciños, sexan da parroquia que sexan, cando se vai a limpar a súa zona (algo que antes incluso facían eles mesmos). Con este plan de desbroce, tamén mantemos todos os montes públicos limpos, porque nós debemos ser os primeiros que deamos exemplo.

A maiores, desde o departamento municipal de Urbanismo, implantamos un procedemento específico para que os veciños puideran notificar incumprimentos da lei de incendios por parte de veciños lindeiros e así resolver de maneira directa a limpeza da maleza nas fincas abandonadas, tramitando ao ano cerca de 200 expedientes.

Desde o 2019, temos asinado un convenio coa Xunta de Galicia, a Fegamp e Seaga co que contamos cun sistema público para a limpeza de biomasa nas franxas secundarias, a gran protección que de verdade funciona para protexer as vivendas en caso de incendio forestal.

Baixo ese convenio, realizouse un importante traballo de inspección das parcelas afectadas polo ámbito das franxa. Así, o pasado ano enviáronse notificacións a 2.700 propietarios de parcelas que presentaban algún incumplimento: tiñan maleza, especies arbóreas non permitidas nestas franxas…

Todo este inxente traballo burocrático realizouse man a man coa veciñanza, os madeireiros, as comunidades de montes… O obxectivo é claro: facer o que de verdade podemos facer dentro das nosas competencias, que é protexer as vivendas.

Agora, estamos focalizados nunha segunda fase para a próxima tempada, que consistirá en consolidar nas faixas plantacións de carballo e castiñeiro, que fan de cortalumes naturais, e promover cultivos de plantacións frutais ou vitícolas, que son os cortalumes históricos.

Sabemos que aínda queda moito por facer e que a xestión do monte é complexa, pero non podemos olvidar que non todos os Concellos traballan esta competencia. E temos o exemplo ben cerquiña. No Morrazo, nin sequera teñen aprobados Plans de Prevención de Incendios, nin en Bueu nin en Cangas, así que esa é a realidade da nosa comarca, que ás veces é bo comparala para darse conta de todo o traballo que se fai desde aquí e o que se seguirá facendo.

Etiquetas
Comparte éste artículo
No hay comentarios