Gómez Besteiro: «Non permitiremos nin un paso atrás na igualdade real»

A decana do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia, Belén Regueira, e a investigadora Mari Lires recolleron os Premios de Igualdade Maruja Vázquez Suárez, nun acto marcado  pola homenaxe a alcaldesa de Lugo, Paula Alvarellos, recentemente falecida

O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, destacou hoxe a necesidade de seguir avanzando en igualdade na entrega dos Premios de Igualdade Maruja Vázquez Suárez. «A igualdade non é unha meta abstracta, é unha urxencia real», subliñou, comprometéndose a que «no PSdeG seguiremos facendo políticas feministas reais, que garantan oportunidades e protexan os dereitos». Ademais, advertiu que «fronte aos que queren retroceder, estamos aquí para avanzar. Sen desculpas, sen medias tintas e sen deixar a ninguén atrás».

Besteiro tivo unhas palabras de recordo para Paula Alvarellos, asegurando que «a súa voz, o seu compromiso e a súa loita seguirán marcando o noso camiño». Engadiu que «Paula sabía que o feminismo non é unha consigna, é unha acción diaria», e insistiu en que «non estamos aquí só para homenaxeala, senón para continuar a súa tarefa».

O secretario xeral dos e das socialistas de Galicia advertiu que “non imos admitir ni un paso atrás nos dereitos das mulleres” e asegurou que «o futuro será feminista si ou si, porque non permitiremos que sexa doutro xeito».

Nesta edición dos premios recoñeceuse o labor de Mari Lires e do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia. Besteiro destacou que «Mari Lires demostrou que a ciencia también pode e debe ser feminista», poñendo en valor a súa traxectoria na investigación e na docencia. Pola súa banda, subliñou que o Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia «loita por algo esencial: a maneira en que se conta o mundo», advertindo que «se o mundo se conta sen mulleres, con prexuízos e estereotipos, esa historia é mentira».

A deputada Lara Méndez interveu previamente nun emotivo recordo a Paula Alvarellos, salientando a fonda pegada que deixou en quen a coñeceron e compartiron con ela traxectoria e compromiso.

Méndez puxo en valor «a súa dedicación incansable» e destacou que «Paula foi e será sempre un referente, unha amiga e unha compañeira indispensable».

Pola súa banda, Silvia Fraga, secretaria de Igualdade da Executiva do PSdeG, demandou a aplicación transversal da perspectiva de xénero porque, dixo, “segue sendo unha asignatura pendente en moitos ámbitos. Na saúde, a investigación e a práctica médica continúan baseándose nun enfoque androcéntrico, o que leva a diagnósticos tardíos e tratamentos inadecuados para as mulleres”.

Na política, e pese aos avances en representación, Fraga sinalou que “seguimos sen estar en igualdade real nos espazos de toma de decisións” e reivindicou a consolidación “dunha perspectiva feminista en todas as áreas para garantir unha igualdade efectiva e real”.

Comparte éste artículo
No hay comentarios