— O taller impartiu a especialidade de colocación de pedra natural e realizou traballos de mellora en varios espazos públicos dos tres municipios
A Xunta clausurou o obradoiro dual de emprego Vía Künig VI, no que investiu 442.000 euros. A actividade foi promovida polo Concello de Becerreá asociado cos de Baralla e As Nogais.
A directora territorial da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración, Carmen José López, participou na entrega de diplomas ao alumnado que completou a formación. O taller ofreceu 20 prazas de ensinanzas teóricas e prácticas na especialidade de colocación de pedra natural.
Os participantes realizaron obras en espazos públicos dos tres concellos. En Becerreá, incluíuse o acondicionamento da fonte de Vilouta de Arriba; varias reformas no interior do edificio municipal de usos múltiples e melloras a contorna do centro social.
Nas Nogais, as actuacións centráronse en Nullán, coa rehabilitación da praza pública e a reposición de muros de peche dun camiño no entorno da igrexa. No que respecta a Baralla, as obras propostas foron a reposición de muros de peche de camiños en Lexo, Lexocairo, Quintela e Vale; así como a colocación dunha fachada transventilada no centro sociocultural.
A representante autonómica destacou que os obradoiros están enfocados a incrementar as oportunidades laborais do alumnado, cunha formación teórica e práctica adaptada ás demandas reais do mercado e en colaboración cos concellos.
Este taller de emprego inclúe incentivos para contratar a varios participantes en empresas da contorna para desempeñar funcións vinculadas ás ensinanzas impartidas. Estes contratos realízanse ao finalizar a actividade, cunha duración mínima de tres meses a xornada completa.