Ana Miranda: “Diante do xenocidio en Gaza a UE ten que romper xa os acordos con Israel e sancionar ao estado xenocida”

A eurodeputada do BNG acusa a Unión Europea de cómplice ao retrasar as medidas de presión para frear o xenocidio do pobo palestino.

Tras a investigación efectuada pola ONU que confirma que Israel está cometendo un xenocidio en Gaza, Ana Miranda subliña que a Unión Europea “ten que romper xa os acordos de asociación con Israel e sancionar ao estado xenocida, embargando as armas”.

Segundo manifesta a eurodeputada galega, a UE mantén unha postura “cínica e hipócrita”, ao retrasar as medidas de presión con Israel que poden frear o xenocidio que o estado sionista está cometendo co pobo palestino. Tal e como sinalou Miranda tras a intervención de Von der Leyen no pleno do Parlamento Europeo que tivo lugar a semana pasada en Estrasburgo, as medidas que se tomen “xa chegan tarde, en concreto chegan tarde para as máis das 60.000 persoas asasinadas por Israel”.

“Dende o BNG queremos instar á Unión Europea a que se produzan sancións contra Israel, que  inclúa a suspensión do acordo, porque senón seguirán sendo cómplices de xenocidio”, manifesta a eurodeputada do BNG, quen ademais insta ao embargo de armas pola violación dos dereitos humanos da poboación palestina tanto na Franxa de Gaza como en Cisxordania.

Como xa ten manifestado Ana Miranda no pleno do Parlamento Europeo en diversas ocasións, resulta totalmente incomprensible que non se tomen medidas contra un estado asasino que xa causou a morte de case 20.000 nenos e nenas en Gaza, destruíu hospitais e múltiples infraestruturas e emprega a fame como arma de guerra. 

Actos xenocidas

A comisión de investigación da ONU conclúe que Israel cometeu xenocidio en Gaza ao cometer catro dos cinco actos xenocidas definidos na Convención para a Prevención e a Sanción do Delito de Xenocidio, de 1948. Así, o informe considera que ao matar, causar lesións graves á integridade física ou mental, someter deliberadamente a condicións de vida que teñen como consecuencia a destrución total ou parcial dos palestinos, e impoñer medidas destinadas a impedir a natalidade, as autoridades e as forzas israelís teñen a intención de destruír aos palestinos da Franxa de Gaza como grupo.

Comparte éste artículo
No hay comentarios