Friol acolle unha ruta accesible para promover o turismo rural sen barreiras

O xeodestino Comarca de Lugo e Terras da Ulloa celebrou o pasado 13 de setembro en Friol o seu primeiro «Paseo sen fronteiras». A iniciativa, que busca achegar o turismo rural a persoas con mobilidade reducida, contou co apoio da Axencia de Turismo de Galicia, o Concello de Friol e a Asociación Auxilia de Lugo.

A xornada consistiu nunha ruta circular de dúas horas e media totalmente adaptada, que permitiu a unhas 40 persoas explorar o casco urbano do municipio e gozar da súa historia. A andaina, que tivo o seu punto de encontro na Praza de Andón Cibreiro, foi guiada pola guía turística Carmen Delia Díaz García-Fuentes, quen explicou o patrimonio e a cultura local.

A ruta incluíu paradas en puntos emblemáticos como o Castro Friulio, o paseo fluvial e a Torre de Friol. Ademais, a experiencia foi documentada polo influencer Alfredo López (pez.salvaje), que gravou en vídeo todo o percorrido.

Ao remate, os asistentes puideron gozar dunha degustación de Pan de Ousá e Queixo de Friol, ofrecida coa colaboración de Quesos Zolle. A iniciativa foi un éxito rotundo, e os participantes quedaron moi satisfeitos de poder realizar actividades no rural, xa que, segundo comentaron, as súas opcións adoitan limitarse ao ámbito urbano.

Etiquetas
Comparte éste artículo
No hay comentarios