A Deputación de Lugo incorpórase ao Centro de Operacións de Ciberseguridade para reforzar a protección dixital da institución e dos Concellos

A Xunta de Goberno vén de aprobar a adhesión da institución neste centro do Goberno de España, “co obxectivo de reforzar, mellorar e complementar a ciberseguridade tanto da propia institución como das entidades locais da provincia con menos de 50.000 habitantes, sen que supoña ningún custo”, subliñou a Pilar García.

A Xunta de Goberno da Deputación de Lugo vén de aprobar a adhesión da institución provincial ao Centro de Operacións de Ciberseguridade para Entidades Locais (COS) da Secretaría Xeral de Administración Dixital do Goberno de España. Así o anunciou a Voceira socialista do Goberno, Pilar García Porto, quen explicou que con este paso seguimos a avanzar na nosa aposta “pola modernización e transformación dixital desta Deputación e dos Concellos da provincia, neste caso no ámbito da ciberseguridade”.

Explicou a Voceira socialista que este servizo COCS, compartido e de prestación centralizada, ofrece protección avanzada e solucións especializadas en seguridade da información e das comunicacións, mellorando de forma significativa a protección dos servizos públicos fronte ás ameazas cibernéticas. Está financiado pola Unión Europea a través do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia, cun orzamento de 70 millóns de euros.

“O obxectivo desta adhesión é reforzar, mellorar e complementar a ciberseguridade tanto da propia institución como dos concellos da provincia con menos de 50.000 habitantes, sen que iso supoña ningún custo para a Deputación ou para as entidades locais”, subliñou Pilar García Porto, quen engadiu que “aseguridade TIC é unha parte transversal da institución, protexendo a información sensible e os datos persoais que manexamos no día a día”.

Este Centro de Ciberseguridade (COCS) mellorará as competencias en diferentes cuestións no ámbito dixital como son: a prevención e detección de incidentes; a análise de vulnerabilidades e seguridade, protección en servizos como a navegación ou correo electrónico, a xestión de respostas ante incidentes, a capacitación, asesoramento e monitorización. 

Ademais incidiu a Deputada que esta medida complementa a outras accións que temos en marcha desde a Deputación, como é o caso da oficina técnica de seguridade da información, cun orzamento de 300.000€, ou a adhesión a Ciber.gal.

Medio millón de euros para mellorar 6 vías provinciais en 3 concellos

Na Xunta de Goberno de hoxe a Deputación sacou adiante unha importante inversión de máis de 500.000€ para mellorar seis vías que atravesan tres concellos da provincia. A Voceira socialista do Goberno, Pilar García Porto, subliñou que estas melloras na rede viaria provincial responden “ao noso firme compromiso por garantir a seguridade e a comodidade na mobilidade, facer máis modernas e accesibles as nosas infraestruturas e mellorar a calidade de vida dos nosos veciños e veciñas”.  

Concretamente, en Baleira, licitáronse as obras de rehabilitación para mellorar 5 estradas de montaña. Concretamente, a institución provincial actuará  nos 22 primeiros quilómetros da estrada LU-P-0401, que comunica Corveira con Restelo por Córneas; no tramo inicial ata o quilómetro 12 na LU-P-0405, que une Fonteo con A Lastra; nos 8 quilómetros de inicio da LU-P-0407, que vai de Fontaneira ao Vilar dos Adrios; tamén nos 3 de inicio da LU-P0408, que conecta Córneas con A Lastra por Freixo; e por último, nos preto de 4 quilómetros da LU-P-0409 entre Córneas e Villardoi. 

As actuacións, cun orzamento de 224.000€, inclúen a reapertura de cunetas, reparación de desperfectos e repavimentación. O prazo de execución é de 3 meses desde o seu inicio. “Trátase dun proxecto moi importante porque virá a mellorar de xeito significativo as comunicacións entre varias parroquias e aldeas neste concello da Montaña lucense”, valorou García Porto.

No que respecta aos concellos de Vilalba e Xermade, informou a Deputada que a Deputación mellorarádous tramos da estrada LU-P-6513, que é a  estrada que une Vilalba con Momán. Por un lado, os traballos afectarán desde o inicio da vía  ó quilómetro 1,600 e consistirán na reapertura das cunetas, pavimentación con aglomerado en quente, sinalización vertical e pintado mediante marcas reflexivas brancas. Ademais, acometeremos a reposición de marcas viais no treito comprendido entre o quilómetro 1,600 ata o 17,315. O prazo de execución destas obras será de 3 meses unha vez iniciadas.

“Esta é unha das estradas máis empregadas a diario polos veciños da capital chairega e do concello de Xermade. Conecta moitas parroquias de ambos municipios, polo que se trata dunha actuación moi demandada”, subliñou a Voceira socialista do Goberno, quen lembrou que “esta vía enlaza coa provincial LU-P-2204, que comunica o núcleo xermadés de Momán coas Pontes de García Rodríguez, na Coruña. Unha vía provincial na que a institución xa destinou 1,5M€ para a súa renovación integral”.

Pilar García Porto destacou o esforzo inversor e o firme compromiso da institución provincial xa que “só este mes, aprobamos a mellora de 30 estradas provinciais ó seu paso por 19 concellos desta provincia cun investimento superior a 3M€. Unha cantidade que supón o 30% da anunciada polo Presidente no primeiro paquete do Plan de estradas”. Recalcou que ese primeiro paquete de actuacións na rede viaria provincial –a máis extensa de todas as Deputacións de España con 4.217 quilómetros– está dotado con 12M€ e servirá para acondicionar este ano máis de 280 quilómetros en vías de toda a provincia. 

Comparte éste artículo
No hay comentarios