O PP pide o apoio de tódolos grupos para esixir ao alcalde que garanta o pago das nóminas dos traballadores do Concello de Pol “en tempo e forma”

Nicole Grueira incide en que “é imprescindible que o goberno municipal dea  explicacións e adopte as medidas necesarias para garantir que o pago das nóminas se realice sempre na data correspondente, sen dilacións”.

O PP de Pol xa ten amosado a súa preocupación polo atraso no pago de nóminas dos traballadores do Concello e da un novo paso para que o goberno municipal “garanta o seu pago en tempo e forma, sen atrasos nin incidencias”.

A portavoz, Nicole Grueira, vén de rexistrar unha iniciativa para o vindeiro Pleno do Concello coa que agarda o apoio de tódolos grupos políticos neste sentido “toda vez que a nosa petición se corresponde co que debería ser o normal funcionamento da administración e cos dereitos dos traballadores”.

A iniciativa do Partido Popular recolle tamén esixir “o compromiso do alcalde e do goberno municipal para que non volva repetirse baixo ningún concepto a situación que se deu coas nóminas do mes de agosto de 2025”, que non foron abonadas aos traballadores municipais dentro do prazo habitual, senón que tiveron que agardar ata o día 12 de setembro. “Non pode volver repetirse esta situación”, asegura a portavoz.

Grueira subliña que “este atraso no cobro supuxo unha clara vulneración do dereito dos empregados municipais a percibir as súas retribucións en tempo e forma, xerando incerteza, preocupación e dificultades para moitas familias que dependen destes ingresos para afrontar os seus gastos ordinarios”.

Así mesmo, asegura que “non é admisible que se produzan atrasos desta natureza nunha administración pública que debe dar exemplo de rigor, seriedade e responsabilidade na súa xestión económica”.

A popular incide en que “é imprescindible que o goberno municipal dea as explicacións oportunas e adopte as medidas necesarias para garantir que o pago das nóminas se realice sempre na data correspondente, con normalidade e sen dilacións. Os traballadores teñen dereito a cobrar puntual e dignamente polo seu labor e o Concello ten a obriga de asegurar ese compromiso”. 

Nicole Grueira sinala que “os traballadores non poden estar pendentes dos caprichos ou da desorganización do alcalde. Ten que haber unha planificación orzamentaria seria, cunha reserva permanente para o pago de salarios, para que isto non volva a suceder”, conclúe.

Comparte éste artículo
No hay comentarios